Jori: «Sempre hai un lado bo para todo»

Un accidente obrigouno a comezar de cero. O deporte e unha filosofía na que non valen as escusas, o seu sustento


Ribeira / la voz

José Manuel Ces, Jori (Lousame, 1969), protagoniza unha historia que cala nada máis escoitala. Fai cinco anos sufriu un accidente polo que pasou seis veces polo quirófano e que lle obrigou a comezar de cero. Andar, comer, ler ou falar... todo era novo para el. O deporte, confesa, foi, xunto á súa familia, o sustento que lle permitiu saír adiante. A súa filosofía exerce como unha escola de vida: «Nunca te podes poñer escusas, esa é a forma máis rápida de abandonar».

-O Concello de Lousame outorgoulle o premio especial na última Gala do Deporte. ¿Como viviu ese momento?

-O certo é que me gustou moito. Tralo discurso aplaudíronme moito [ri]. Sempre é bonito que se acorden de ti, sobre todo a xente que está no deporte. Despois do que pasei estes últimos cinco anos agradecino moito.

-¿De onde sacou as forzas para saír adiante?

-O máis importante foi poder contalo. Os inicios foron duros, non estaba preparado. Nunca pensas que algo así che pode acontecer a ti. O principal é ser optimista, sempre hai un lado bo para todo. As escusas non valen. Se chove colles un paraugas, se fai frío abrígate. Se na pista de atletismo sinto fatiga baixo a marcha, pero non paro.

-¿Que lle diría a alguén que viva unha situación como a súa?

-Que se poña pequenos retos. Se intentas algo moi complicado podes frustrarte. Con obxectivos próximos cada vez que os acadas sénteste útil, ves a túa evolución. Eu non era capaz de ter unha conversa e mírame agora [ri].

-O certo é que fala polos cóbados. O deporte, pero o atletismo en particular, foron importantes para vostede.

-Sempre fun de correr. Saía do traballo e competía en carreiras populares. Tralo accidente, o deporte deume vida. Ao principio empecei en piscina pero logo chamáronme do meu club (Atletismo Fontes do Sar). Para min é como unha segunda familia. Coidáronme moito, preocupáronse por min. Ao principio non era capaz nin de andar. Na última carreira popular acompañáronme ata a meta. Foi moi emocionante.

-Estivo na última proba popular do seu pobo. ¿Que tal foi?

-Moi emocionante. Preparáronme un circuíto para min. As secuelas impídenme facer unha carreira completa. Teño que ir paso a paso, pero acabei moi contento.

-Como foi a súa evolución nestes cinco anos.

-Tiña, e aínda teño, problemas de vista. Custábame facer contas, pero o importante é non perder a paciencia. Eu volvín a aprender grazas aos cadernos que hai para os nenos. Ao primeiro non estás tan áxil, pero é unha cuestión de tempo e de esforzo.

-Comentáronme que é voluntario en varias institucións.

-Estou no roupeiro do Concello de Teo e tamén no banco de alimentos. Cando me pasou isto axudoume moitísima xente e agora eu quero devolverllo a todos. Gústame facelo.

-Supoño que non é a primeira vez que o destacan como un exemplo a seguir. ¿Moléstalle?

-No, para nada [volve a rir]. Se vexo que grazas a escoitarme ou a estar comigo a xente é máis positiva, pois estou encantando.

-É pura filosofía.

-[Ri] O importante é que a xente siga cara adiante. Eu tiven a sorte de que a miña familia me apoiara, que non me puxera impedimentos. Agora xa estamos buscando a forma para volver a competir en probas oficias.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Jori: «Sempre hai un lado bo para todo»