A dimisión como estratexia política

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

BENITO ORDOÑEZ

09 ene 2019 . Actualizado a las 14:00 h.

Unha das diferenzas entre o PSOE actual, aínda que poderíamos ver o caso da ministra de Xustiza como o único que non confirmou esta premisa, é que os seus cargos dimiten ao pouco de tomar posesión mentres que no Partido Popular agárdase sete anos e medio para facelo.

O exercicio da política é voluntario. Non se obriga a ninguén a presentarse a unhas eleccións. Estar en política activa significa, entre outras cousas, colocarse ao servizo do partido no que se milita para optar ao goberno.

Di José María Maravall, sociólogo, profesor universitario e exministro de Educación y Ciencia con Felipe González na súa obra El control de los políticos, que os partidos non agardan pasivamente o resultado das urnas, que «aínda que naceron como vehículo de participación popular convertéronse a miúdo en maquinarias dominadas por oligarquías guiadas para os seus propios fins. Os afiliados dos partidos acostuman a ter máis dereitos como cidadáns que como militantes».

O retrato que pinta Maravall é desolador. Parte de que a democracia interna do partido é limitada e os sistemas de representación popular con listas de candidatos pechadas e bloqueadas transferirán as decisións dos cidadáns aos burócratas do partido polo que os afiliados non poderán opinar sobre os candidatos deixando que os burócratas -agora chámanlle órganos internos- elixan aos futuros representantes, sexan concelleiros, parlamentarios, etc.

Ninguén que exerza a política afronta unha decisión sen estudala e, sen consultar co seu círculo de confianza o paso que vai dar. Máis no momento actual, no que os medios de comunicación e as redes sociais actúan de facto como un parlamento, ou un pleno dunha corporación municipal.

Quen actúa explica diante deles as causas e os motivos desa actuación. A opinión pública, á que Maquiavelo define como «pobo» na súa obra El príncipe di que este guíase pola voz pública ou pola fama traballada por un mesmo elaborada a través das obras que se realizaron no seu mandato de goberno.

Escoitamos a pasada semana a alguén que dimitía porque non estaba de acordo cunha acción de goberno proposta por quen a nomeou e expón que a súa saída non pasa por ir ao grupo dos non adscritos, nin entrou a valorar ningunha outra proposta política.

De ser así, a cinco meses dunhas eleccións municipais, non se pode calibrar esta medida como un exabrupto que, facéndolle caso a Maravall, indicaría que os burócratas do partido estaban sabedores e déronlle a súa beizón, e de non ser así algún favor se está pagando por quen dimite aínda que custe situar o pescozo na guillotina con promesas de resucitar máis tarde. Estratexia que revela confianza. Palabra clave para superar as adversidades.

Mais a confianza non usa a dimisión como estratexia política. En todo caso é «tacticismo». É isto está máis preto da traizón que dos grandes ideais de traballar polo ben común, requisito indispensable para quen a política é servizo público.