Eva Triñanes: «O sector cultural galego é pequeno e está copado por grandes distribuidoras»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O obxectivo da boirense é incrementar o número de compañías da súa empresa

05 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre tivo unha parte artística, e Eva Triñanes (Boiro, 1983) incluso se define como «unha actriz frustrada. Levo moito asistindo a clases de teatro, pero a miña timidez impídeme saír ao escenario», confesa. Hai xusto dous anos, o 1 de xaneiro, fundaba xunto con tres socios a cooperativa galega de artistas Charlatana, un proxecto que lle está dando moitas alegrías, e que neste 2019 que acaba de comezar queren expandir para conseguir sumar un maior número de compañías e espectáculos.

Ata chegar aquí, a boirense deu moitas voltas, e algunhas delas pouco ou nada tiñan que ver co mundo creativo. De feito, ela primeiro estudou a carreira de Economía, e logo dirixiu os seus pasos cara a produción, cursando un ciclo na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Finalmente, acabou rexentando un bar en Santiago, e foi aí onde empezou a ter un certo contacto con algúns artistas.

«Faciamos pequenas actuacións no local e coñecín a moitos amigos e compañeiros, como Isaac Rodríguez (Peter Punk Pallaso), Marta Ortiz e Brais Gutiérrez (Brais das Hortas). Eles estaban con outras distribuidoras de espectáculos, pero querían crear unha propia para producir e distribuír as súas montaxes sen que houbese intermediarios», lembra Triñanes, que foi a que aportou os seus coñecementos en xestión económica para poñer en marcha a cooperativa Charlatana, «na que todos somos iguais, cobramos o mesmo e temos o mesmo peso na toma de decisións».

O balance destes dous primeiros anos é moi positivo, porque conseguiron poñer en marcha moitos proxectos, ademais de facerse un oco no panorama artístico, tanto nacional como internacional, xa que tiveron varias actuacións en Europa e Latinoamérica. Sen embargo, explica que non foi nada doado: «O sector cultural galego é pequeno e está copado por grandes distribuidoras».

Tres liñas de actuación

Desde que Charlatana comezou a dar os seus primeiros pasos, os seus impulsores tiveron claro que ían a seguir tres liñas de actuación. Por unha banda, impulsar espectáculos de humor e entretemento familiar, «dirixidos tanto a pais como a cativos, tratando aos nenos como iguais, non nos gusta iso de dirixilo só ao público infantil», apunta Eva Triñanes. Ademais, outras das patas desta cooperativa de artistas é que as súas montaxes tentan enviar unha mensaxe a favor da igualdade e en contra da violencia machista, e un bo exemplo foi a posta en escena de Matrioskas, xunto coa cantautora Sofía Espiñeira.

Por último, coa estrea de Catro monos quixeron presentar unha proposta didáctica, «falarlle aos rapaces do consumo responsable, da economía social e de que temos recursos limitados», destaca a boirense, que tamén recoñece que unha das premisas de todos os seus espectáculos é que, se se presentan en Galicia, «teñen que ser en galego e sempre apostando por unha linguaxe inclusiva».

Neste ano que agora comeza a cooperativa Charlatana quere ampliar o número de compañías e de espectáculos, para poder ofrecer un catálogo máis amplo e chegar así a unha maior cantidade de municipios e tamén de público.

Formación. Eva Triñanes estudou primeiro Economía e logo Produción na Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Socios. Xunto á boirense, forman parte da cooperativa galega de artistas Charlatana Isaac Rodríguez (Peter Punk Pallaso), Marta Ortiz e Brais Gutiérrez (Brais das Hortas).