Lidia Santos: «Para algúns alumnos, este centro é a súa primeira experiencia laboral»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Actualmente están formándose como cociñeiros e camareiros 16 veciños

04 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Situado nas instalacións do viveiro de empresas do polígono de Espiñeira, o centro formativo de Boiro está chamado a ser un revulsivo no eido laboral. Desde que entrou en funcionamento, contribuíu a mellorar os coñecementos de 30 persoas en xardinería e de 15 en hostalería. Ademais, desde setembro, 16 veciños máis están adquirindo formación e experiencia laboral como operarios de cociña e camareiros. O obxectivo é facilitar o acceso destes alumnos ao mundo laboral. A directora deste obradoiro de hostalería, Lidia Santos, amósase satisfeita, tanto cos resultados obtidos como coa implicación que amosan os participantes.

-¿Como está a resultar a experiencia neste centro formativo de Boiro?

-Moi positiva, posto que lles permite aos alumnos estar contratados por un período de seis meses, no que tamén se forman nunha determinada materia e mesmo adquiren experiencia. Aparte da especialidade concreta na que se matriculan, todos reciben formación de carácter xeral en prevención de riscos laborais, manipulación de alimentos, albafetización informática, igualdade de xénero ou sensibilización ambiental. Mesmo axudamos aos interesados a prepararse para obter o título de ESO.

-¿Considera entón acertada a proposta para as persoas ás que vai dirixida?

-Si, porque se trata dun obradoiro de seis meses de duración no que poden participar persoas de garantía xuvenil, é dicir, que sexan menores de 30 anos. Para algúns alumnos, este centro é a súa primeira experiencia laboral.

-¿Percibe interese por formarse por parte deses alumnos?

-Claro que o hai. Quizais ao principio ven neste centro unha boa opción para deixar de seren desempregados, pero pouco a pouco, a maioría vanse enganchando e non tardan en concibir a actividade como unha profesión con futuro.

-¿Ten referencias dos anteriores alumnos que pasaron polo centro formativo?

-Sei que hai algúns están traballando na actualidade. Coñezo a varios que se fixeron autónomos no eido da xardinería, montando a súa pequena empresa, mentres que hai tamén quen está empregado no sector da hostalería. Outros, seguen formándose, xa que o centro supuxo para eles un revulsivo.

-¿Cal é para eses alumnos a parte máis interesante desta proposta formativa?

-O que máis lles gusta é a parte práctica. Tratamos sempre de que todo o que facemos teña repercusión no municipio e incluso fins benéficos. De aquí, todos os días sae comida que se distribúe entre as familias necesitadas a través do departamento de Servizos Sociais, ao que lle entregamos o que se cociña nas sesións prácticas.

-¿Algo haberá tamén que se lle resista aos alumnos?

-Si, o que máis lles custa é a parte teórica. Temos alumnos que, na súa época como estudantes, non lograron completar a ESO, polo que agora teñen certas dificultades para volver de novo aos estudos. Ao final, con máis ou menos esforzos, todos van conseguindo os obxectivos.

-Despois deste tempo funcionando de xeito positivo, ¿como se presenta o futuro?

-Penso que as perspectivas de futuro son boas, sobre todo tendo en conta os cambios que están a piques de introducirse no centro. Vai empezar a funcionar o viveiro de empresas e o centro tamén foi homologado para obter os certificados de profesionalidade en seis especialidades distintas. A situación está mellorando.

-Con respecto ás clases que se imparten na actualidade, ¿considera que se axustan á demanda real de emprego?

-Penso que si, que o programa formativo é axeitado á demanda que hai na zona. A xardinería é un sector en auxe e a hostalería, co crecemento que está experimentado o turismo, tamén ten moito futuro.