Ausencias

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

28 dic 2018 . Actualizado a las 10:58 h.

Sucedeu esta Noiteboa, á tardiña, aló polas oito e media do serán, na Pobra do Caramiñal, pero estou convencido de que esta estampa se repetiu en centos de vilas e aldeas do país. Os bares da rúa de Unión e da praza de Maura estaban ateigados de xente nova, un feixe de persoas que tiñan entre 20 e 40 anos, que se atopaban cos seus amigos de toda a vida mentres os pais remataban, na casa, os últimos flocos da cea de Nadal. Todos eles (todos nós) retornados de diferentes lugares: de Madrid a Londres, de Gran Canaria a Palma de Mallorca, de Santiago Compostela á Coruña. Non era difícil ter unha perigosa revelación: o que debera ser ordinario -a xente nova da vila tomando algo nos bares antes de cear- convertíase en extraordinario. É nesta presenza tumultuosa onde se nota a ausencia: en como estes mozos non están os restantes 364 días do ano.

Quen queira que teña viaxado por capitais europeas como Berlín ou Bruxelas sabe perfectamente a que me estou referindo. As rúas están cheas de xente nova; detrás de todas estas persoas están ideas, ilusións, flexibilidade e proxectos. Cando escoito os presidentes de asociacións de empresarios falar da «perda de competitividade», estráñame que sempre empreguen o argumento para se queixar das subas salariais e non protesten por este dispendio do valioso capital humano do país.

Porque todos estes mozos non van á aventura: van na procura dunha vida digna. Galicia, como calquera outro país, ten nestes intres moitos problemas que afrontar. Pero non se me ocorre ningún máis importante que o de sementar futuro para os novos que veñen detrás.