Rodrigo Fresco: «A nosa filosofía é a de saír e construír dende atrás»

p. b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Este é o seu segundo curso ao cargo dos futuros activos do Atlético Ribeira, os celestes xuvenís

26 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Rodrigo Fresco (Cabo de Cruz, Boiro, 1980), tamén coñecido por Roi, dirixe xunto a Pepe Cores os bloques celestes de xuvenís e sénior. Este é o seu segundo curso ao cargo dos futuros activos do Atlético Ribeira. O técnico analizou un adestramento que os proba a todos os niveis.

-¿Cal é o obxectivo desta tempada e como van ata o de agora?

-O obxectivo que sempre nos marcamos é o da permanencia, pero se a logras, despois podes aspirar a postos máis altos. A realidade é que estanos a custar, pero moito pola falta de sorte. A excepción dalgúns partido nos que saímos medio desconectados, fomos superiores a moitos equipos de arriba, aínda que os resultados non acompañasen.

-Ser xuvenil no Ribeira pode significar traballo cos sénior.

-[Ri] Si, a idea sempre foi esa, que exista un vínculo directo entre os dous. Estamos levando a xuvenís a xogar cos sénior, pero hai que ter en conta que adestran xuntos. De tres sesións, comparten dúas cada semana. Temos xente que xa o demostrou no pasado como Yago Rivas, que ten moita calidade, así como Marín, Julio ou Adnan, un lateral de segundo ano de moita intensidade.

-¿Como definiría ao bloque?

-É un bloque novo que está feito case dende cero. Arriba hai moita calidade en ataque, trátase dun equipo no que calquera dos xogadores non ten nada que envexar ao mellor da categoría. Tamén temos algúns rapaces sen moita experiencia, pero é un grupo que se está conxuntando ben. Ao comezo de temporada parece que custaba limar eses detalles tácticos, mais a evolución dos rapaces indica que na segunda volta estaremos máis preto da permanencia. É algo que se viu nos últimos partidos. Tanto contra o Viveiro, como contra O Val, penso que non merecemos perder.

-¿Cal é a proposta táctica?

-A nosa filosofía é a de saír e construír co balón dende atrás, pero todo o esquema dependerá sempre das características de cada futbolista e, por suposto, de a quen nos esteamos a enfrontar. Tamén traballamos moito o saque de balón rápido.

-¿A que equipos ve na loita?

-Ultimamente o Compostela fraquea e cría que era dos candidatos a estar arriba. Pero se falamos de fútbol hai que mirar ao Bergantiños e ao Lalín.