«Os axentes sociais debemos cooperar para acabar co paro»

La Voz

BARBANZA

23 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as competencias de Ovidio Rodeiro hai unha importante listaxe de investimentos que non se traducen en obras e que non se ven, pero que son especialmente relevantes no eido económico, como a posta en marcha de talleres de emprego xuvenís ou para persoas desempregadas.

-¿Cal é a folla de ruta para facer fronte á taxa de paro?

-Todos os axentes sociais debemos cooperar para reducir o paro. En materia de política de emprego hai que poñer en marcha instrumentos e liñas de cooperación cos axuntamentos como os seis obradoiros nos que participan todos os concellos da comarca e polos que se está a formar a 108 persoas, cun investimento de máis de 1,4 millóns. Estes veciños están traballando, recibindo un soldo, cotizando á seguridade social e, en definitiva, mellorando o seu currículo. A isto hai que sumarlle os 872.000 euros cos que se financian os 24 cursos para desempregados dos que se benefician 360 parados.

-Fixar poboación en zonas rurais é importante para a economía.

-Neste ámbito estanse a poñer ao día tres estradas da zona cun investimento de 350.000 euros, a AC-305, a AC-550 e a AC-553 que repercuten a Noia, Rianxo e Boiro. Hai que recordar que Galicia é das poucas comunidades autónomas que ten un programa para apoiar as infraestruturas básicas das zonas rurais, que son os camiños. Na comarca estanse a destinar 543.000 euros anuais a pistas de titularidade municipal, para que cada Concello estableza as prioridades. Tamén se están dando axudas á contratación na zona cunha partida de 600.000 euros.

-¿Cal será a pegada que deixará en Barbanza o Fondo de Compensación Ambiental?

-Nesta comarca, este ano deixará un total de 766.000 euros. Mais non só iso, pois a través doutro programa, o Fondo de Cooperación Local, esta zona recibirá unha inxección económica de 4,8 millóns de euros.