Ovidio Rodeiro: «A circunvalación ribeirense será a gran infraestrutura viaria do século na vila»

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O responsable provincial analizou os grandes investimentos, como o do saneamento de Rianxo e o do futuro acceso a Santa Uxía

23 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As obrigas do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro (Boqueixón, 1972), converten a súa axenda nun constante ir e vir por todo o territorio coruñés para analizar e supervisar as principais inversións que realiza o executivo galego. Sen embargo, sempre se presta a realizar unha valoración dos grandes e necesarios proxectos que neste caso atinxen á bisbarra. Neste senso, Rodeiro puxo o foco na futura circunvalación de Ribeira e no saneamento rianxeiro.

-¿Cales cre que son as principais preocupacións da cidadanía en materia de accesibilidade e que se está a facer por solucionalas?

-Vimos dunha época complicada, de tempos de crise que supuxeron pospoñer determinadas actuacións. Agora estamos nun momento no que xa se están retomando proxectos de infraestruturas interesantes. Nesta comarca executamos unha destas primeiras grandes inversións, con 1,3 millóns de euros, que foi a conexión entre Lousame e Noia a través da vía de altas prestacións e estase traballando xa para rematar a conexión.

-¿Cal é o peso que terá a futura circunvalación ribeirense?

-Hai que destacar o compromiso da Xunta co Concello de Ribeira, pois xa está adxudicado o proxecto de redacción da nova circunvalación por 258.000 euros. Estamos a falar dunha inversión que pode alcanzar os nove millóns de euros e que dará alternativas para acceder á cidade. A circunvalación ribeirense será a gran infraestrutura viaria do século na vila e, na actualidade, a nivel provincial é das actuacións máis potentes.

-¿Como se conxuga esta obra coa transformación urbana que impulsa o alcalde, Manuel Ruiz?

-Os temas de mobilidade e seguridade viaria, de adaptar sendas apostando por transportes como a bicicleta e facer máis humanas as contornas urbanas, son unha demanda que ás veces á cidadanía lle custa entender, pois supoñen cambios. Pero o plan de Manuel Ruiz para lograr un núcleo máis humano adiántase aos tempos e é ambicioso. Aínda que o comercio o poida entender de forma distinta, acabará gañando valor.

-¿Que significará rematar o proxecto do saneamento rianxeiro?

-Como vai soterrado, ás veces a xente non valora as importantes actuacións nesta materia. Na nosa provincia foi na que máis se investiu neste eido, coa vista fixa nas rías, e despois de facer actuacións en distintos concellos agora toca rematar cun investimento importantísimo en Barbanza [preto de 14 millóns]. A ampliación da EDAR de Rianxo permitirá lograr o saneamento integral da ría de Arousa. Neste momento estase a traballar no colector que multiplicará case por tres a súa capacidade, pasando de 9.000 a 23.000 habitantes. Esta é a aposta da Xunta máis grande nesta materia, xunto coa que se realiza na Malata, na ría de Ferrol, de sete millóns.

-¿Cales serán os futuros retos en materia de infraestruturas?

-Evidentemente, os obxectivos hai que centralos no ámbito da mobilidade. Estase a traballar na ampliación da vía de altas prestacións entre Santiago, Noia e Porto do Son. Neste último municipio tamén se está a apostar pola creación de novas rotondas. Ademais, hai proxectos de mellora para todas as pontes da zona que hai entre Noia e Outes.