Voces de Madrid que lle cantan a Barbanza

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A comarca volve a ser a fonte de inspiración do seu novo disco, «A onde vai o mar?»

22 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A paixón por Barbanza, polo seu mar e pola súa xente, levou a unha parella de madrileños a establecerse en Rianxo hai oito anos. Desde o primeiro momento souberon integrarse á perfección na vida cultural da comarca e escenificaron ese amor pola terra que os adoptou con Múdanse os ventos, un disco que vía a luz no 2015. Agora, só tres anos despois, Helena de Alfonso e Jose Lara, Barahúnda, arrolan de novo os ouvidos con A onde vai o mar? O traballo foi estreado hai uns días na sala boirense A Pousada, pero en maio haberá un novo concerto de presentación no auditorio rianxeiro.

Trátase dun disco que garda relación co anterior, que supón unha evolución, como din os seus autores: «A nosa primeira idea era facer unha compilación das cancións que foron descartadas ao longo destas dúas décadas, pero cando nos puxemos a traballar foron xurdindo tantas ideas e temas, que todo é novo. Comparte, con Múdanse os ventos, o atlantismo. Barbanza foi a nosa inspiración», destaca Lara. Engade que, como no último disco, a parella encargouse das letras e da música: «Afianzouse o que empezou a suceder no traballo anterior e xa non hai límites. Non hai distinción en quen achega a letra e a música, é algo que vai xurdindo a medias e un desenvolve o que o outro comeza». E tamén neste caso, Xosé Luis do Pico Orjais e Chema Mawenya redondearon o traballo encargándose dos arranxos finais.

Este novo álbum, o cuarto, que Barahúnda publica coincidindo co vixésimo aniversario da súa formación, é un cóctel de composicións. Helena de Alfonso emociónase tan só con enumeralos: «Tratamos a liberdade, a marabilla de vivir en Barbanza, a vida, a morte, a verdade, a mentira, o amor... e tamén reivindicamos, cunha peza dedicada á xente que atravesa o mediterráneo. Vivimos nun mundo inxusto, con moita miseria e toca cantar a cousas marabillosas, pero tamén toca reivindicar e mover cabezas. Hai unha dedicatoria ás mulleres silenciadas».

Aposta polo galego

Por sorprendente que pareza e tal e como ocorría no disco anterior, Barahúnda aposta de novo polo emprego do galego, tanto do normativo coma do antigo e do reintegracionista. A parella amósase defensora do uso da lingua nai: «O idioma é riqueza, parte da cultura, está na xenética», comenta Helena, para engadir que, cando decidiron establecerse en Barbanza tiñan claro que falarían a lingua da terra: «Consideramos que era fundamental para integrarnos. Jose incide neste aspecto: «O idioma é fundamental para entender a idiosincrasia e a cultura, o día a día da xente».

Os dous se consideran xa barbanceses, veciños dunha terra que os conquistou antes incluso de que se estableceran nela: «Viñamos de vacacións e namorámonos, así que nun momento no que fixemos un cambio de vida pensamos que en Barbanza poderiamos ser felices», explica el, ao tempo que ela engade, como pezas que se complementan, os atractivos da zona: «Barbanza é un auténtico paraíso, temos mar e temos o monte pegado. Tamén a xente, o acento, a forma de ser que hai nesta zona. É superespecial, ten ese non sabes que, que fai que te namores».

Finalizada esa parte máis romántica e artística que envolve a composición das cancións, Barahúnda afronta agora a distribución dun disco que é autoproducido: «Somos absolutamente independentes, nós somos todo. É unha decisión meditada, porque queriamos controlar todo o proceso e decidir así os contidos de forma absoluta», explica Helena. Aínda que todos os temas que compoñen o traballo teñen para ela algo especial, quédase con Febreiro: «Porque é un tema que na escuridade ilumina, que foi concibido un día de febreiro do ano pasado, cando de súpeto empezamos a escoitar os merlos despois de moitos días chovendo». Jose, pola súa banda, elixe A verdade, con letra de Teresa Moure: «É a canción que se sae a nivel de estilo, trata sobre a mentira e a verdade».

En xira. De cara ao 2019, Barahúnda ten xa varios concertos pechados. O dúo estará o 21 de febreiro en Santiago, o 3 de marzo en Madrid, e o 11 de maio actuará no auditorio de Rianxo.