Un plan perfecto para extraer riqueza da unión entre turismo, natureza e cultura

O proxecto de ordenamento dos areais súmase aos de mobilidade e urbanismo


Ribeira / La Voz

Está claro que o mero feito de vivir en Porto do Son é un privilexio para uns veciños que contan con paisaxes e contornas naturais de vertixe, puntos culturais na elite de Galicia como o castro de Baroña, e unha gastronomía baseada nun produto local de primeiro nivel. Non obstante, o executivo municipal que lidera o alcalde Luís Oujo non está conforme e sabe que aínda queda moito potencial por explotar. Por este motivo, o Concello trazou un plan perfecto para extraer máis riqueza de tres eixos esenciais na vila: o turismo, a natureza e a cultura.

O nexo común ou catalizador desta proposta do equipo de goberno é o plan de ordenamento dos areais no que actualmente traballan e que xa foi posto en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Urbanismo. As liñas mestras deste documento están dirixidas a lograr un equilibrio entre a protección medioambiental e as necesarias inversións empresariais neste ámbito.

As actuais normativas representan un obstáculo para que os emprendedores poidan sacar adiante novos restaurantes, cámpings, áreas para autocaravanas ou establecementos ao carón das praias. Sobre todo, iniciativas relacionadas co mundo do surf, nun municipio que dispón de olas perfectas todo o ano.

Sen pisar asfalto

A desestacionalización do turismo mediante a dotación de servizos que dean valor engadido aos recursos naturais atopa a súa outra pata sobre a inversión en mobilidade e cultura. O castro da idade de ferro referente en Galicia é o mellor exemplo do camiño que quere seguir o Concello. A todos eses servizos que buscan incentivar co plan que esperan ter rematado en xaneiro, engadiríaselle a creación dunha senda para que as persoas con mobilidade reducida puideran acercarse o máximo posible a contemplar a xoia arqueolóxica de Baroña.

O alcalde tamén estuda a posibilidade de crear un museo para que os futuros achádegos quedasen no municipio e se abrise a posibilidade de recuperar outros que para ser observados por un veciño da vila este tería que desprazarse ata A Coruña.

Sen embargo, a guinda en materia de accesibilidade é a meta de unir a costa de Noia ata a praia de Espiñeirido, un obxectivo para o que xa hai moito traballo realizado e só quedarían por realizar pequenas intervencións en Coira, O Pozo ou A Gafa, por exemplo. Trátase de darlle a posibilidade a sonenses e visitantes de percorrer estes paraxes sen pisar un solo milímetro de asfalto, nunha época dourada para a práctica do sendeirismo e do running.

A creación da rotonda de Portosín e a humanización que lle imbuirá carácter de avenida ao tramo entre igrexa e porto completan un modelo de urbanismo iniciado na praza do Curro. O que xurdira como un soño xa comeza a ser unha realidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un plan perfecto para extraer riqueza da unión entre turismo, natureza e cultura