Rianxo recorre ás tradicións e a un apalpador xigante

La Voz

BARBANZA

cedida

Anxo Moure, Paco Nogueiras, Nelson Quinteiro e a familia dos Bolechas desembarcarán na localidade

20 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nadal ano noso xeito é a proposta lúdica que onte presentou o Concello de Rianxo para animar as festas. Trátase dun cóctel que mestura accións de rúa, espectáculos e actividades itinerantes que irán percorrendo o municipio. Como en edicións anteriores, Nelson Quinteiro segue a exercer a dirección, aínda que cambia a temática. O circo de anos pasado é substituído por un programa de exaltación das tradicións, simbolizada por un apalpador xigante, de dous metros e medio de altura, que percorrerá as parroquias acompañado de músicos e bailaríns.

O epicentro será unha carpa instalada na praza Castelao, a onde o gran apalpador regresará sempre despois das súas excursións, nas que estará arroupado por formacións coma os gaiteiros Prima de Buxo, as cantareira Bulideiras, o colectivo Máis Cantos de Marín, Río de Anxo ou a Banda do Patajullo.

Tamén no interior da carpa, que funcionará do 26 ao 29, se desenvolverán unha serie de actividades dirixidas fundamentalmente ao cativos. Entre as máis importantes está unha sesión de contos con Anxo Moure e Servando Barreiro (martes, 18.00 horas); o concerto de Lydia Botana (martes, 18.30); a actuación de Paco Nogueiras, que chegará co seu espectáculo Brinca vai (mércores, 18.30); o espectáculo musical do propio Nelson Quinteiro (sábado, 17.00); e o concerto de Tino Baz, autor da panxoliña contemporánea de maior éxito, Os pitiños (sábado, 18.30).

A carpa tamén será un lugar de aprendizaxe, pois dará cabida a diferentes obradoiros. Baile tradicional e interpretación de panxoliñas son algúns dos que están planificados. E mesmo contará cun pequeno mercado de produtos artesanais, boa parte deles feitos en Rianxo. Xogos e sorpresas completarán unha oferta lúdica que onte foi presentada polo rexedor, Adolfo Muíños, e pola concelleira de Desenvolvemento Local, Adelina Ces, quen destacou o marcado carácter galego da iniciativa: «Quixemos convertela en algo máis noso, o que influirá incluso na decoración da carpa e nos vestiario dos músicos e dos bailaríns».

Visita aos colexios

Os representantes locais estiveron acompañados por Nelson Quinteiro e por un apalpador, que aproveitou para visitar varios colexios, recollendo as cartas dos nenos e entregándolles un folleto coa programación de Nadal, que se pode consultar tamén a través da Rede mediante un código QR.

Aínda que esta carpa, que será un auténtico fervedoiro, é o prato forte do Nadal rianxeiro, haberá máis actividades na vila. Para o 31 hai programada unha festa de Fin de Ano, que incluirá unha actividade solidaria de zumba ás 12.30, e o día 7, superada xa a máxica visita dos Reis Magos, Os Bolechas chegarán a Rianxo co espectáculo Nadal no polo norte.

Adelina Ces explicou tamén que, como en anos anteriores, o Concello chegou a un acordo coa ludoteca da vila para que as familias dispoñan dun espazo no que deixar aos nenos mentres realizan as compras no comercio local.