Outra forma de ensinar

Alfredo Suárez COORDINADOR DE VOZ NATURA EN EL JAIME BALMES

BARBANZA

20 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Voz Natura supón un cambio no traballo de aula, nas súas rutinas académicas, normalmente os alumnos pasan ata tres horas seguidas sentados nunha cadeira, moitos están desexando poder saír, facer algo diferente e as actividades máis dinámicas como as do proxecto supoñen unha pequena revolución.

Os estímulos son sinxelos de comprender, primeiro planifícase a actividade que foi deseñada o curso anterior, na aula explícaselles que imos realizar unha serie de actuacións, sempre de forma cooperativa, e a continuación fórmanse pequenos grupos. Toca saír ao campo, o que supón alegría e cambio de aires para os rapaces e incerteza para os profesores.

Saír á horta para cultivar patacas, verduras…, a plantar árbores, preparar compost, montar unha vermicomposteira, realizar actuacións de conservación na praia, analizar a calidade da auga dun río para partir do estudo dos seus macroinvertebrados, ou traballar no taller para realizar obradoiros de xabón, papel reciclado, construír caixas niño, criar ovos de galiña desde a súa incubación e moitas actividades máis, son estímulos de gran calado, é o que se denomina aprendizaxe baseada en proxectos colaborativos. Voz Natura é así, deseña un proxecto, execútao e educa e sensibiliza.

Os alumnos no campo teñen un comportamento distinto, non deben memorizar tanto pero a súa memoria traballa, deben estruturar o traballo e facelo de forma cooperativa, están involucrados nunha situación real, experimentan nun laboratorio chamado natureza que deben coidar e protexer, tratan con animais e plantas.

No noso centro fixemos actividades que poucas veces se fixeran antes, como a mostraxe de moluscos bivalvos na praia de Testal (Noia). A limpeza de praias hoxe é algo que se fai en case todos os centros próximos ao litoral e ese contaxio indícanos que formamos parte dun gran proxecto de educación ambiental.

Nas actividades que se deseñan, os profesores tamén aprenden e deben traballar de forma cooperativa, o resultado das accións levadas a cabo é a concienciación, si un grupo numeroso de alumnos e profesores limparon un río, unha praia ou reforestaron unha zona queimada a aprendizaxe práctica que lograron con esa actividade queda impregnada na memoria e no futuro quizais sexan máis sensibles co medio.