María José Torres: «O primeiro momento é terrible, un pregúntase canto tempo lle queda»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Fundou, xunto con 14 veciñas máis, o colectivo contra o cancro de Porto do Son

20 dic 2018 . Actualizado a las 08:20 h.

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) é unha das entidades que máis solidariedade arranca entre os barbanceses. Son moitos os que, dun ou doutro xeito, achegan o seu gran de area para tratar de frear unha enfermidade á que poucas persoas, directa ou indirectamente, permanecen alleas. En varias localidades da comarca funcionan as denominadas xuntas locais, colectivos que traballan de forma coordinada coa asociación estatal. A esa rede veñen de sumarse quince veciñas de Porto do Son, que decidiron fundar unha xunta local, á fronte da cal se sitúa María José Torres Calo.

Ela sufriu en carne propia ese pesadelo que desencadea cada diagnose de cancro, polo que sabe do importante que son tanto a investigación para frear o avance da enfermidade como a axuda que os pacientes precisan. María José Torres tiña 40 anos cando recibiu a fatal noticia: «Non o esperaba, supoño que como lle pasa ao resto dos enfermos, porque me atopaba perfectamente de saúde. Fun ao médico pensando que tiña un problema de tipo muscular na zona do peito e unha mamografía resultou definitiva».

Agora, sete anos despois da operación e dos tratamentos de quimioterapia e radioterapia, quere lanzar unha mensaxe de positividade: «O primeiro momento é terrible, un pregúntase canto tempo lle queda de vida, pero eu decateime de que tiña que erixirme como a capitá do barco, porque se me fundía arrastraría comigo a toda a familia, que estaba desfeita. Eu quería vivir e saquei forzas do máis profundo, de onde pensaba que non quedaban».

A idea inicial

Superado o pesadelo, María José Torres non pestanexou cando unha amiga, Magdalena Pérez, lle propuxo aliarse na loita contra o cancro mediante a posta en marcha dunha asociación. Na conversa participou María Teresa Fernández, que tamén se sumou á causa desde o primeiro momento, ata o punto de que ocupa a vicepresidencia da entidade. Aínda que está pendente a presentación oficial, o grupo xa tivo o seu primeiro contacto cos veciños de Porto do Son e resultou bastante positivo: «Vendemos lotería de Nadal e a resposta da xente foi boa, estamos satisfeitas de ter dado este paso adiante», comenta a presidenta da xunta local.

A nova entidade sonense non ten de momento unha folla de ruta a seguir, pero as integrantes da xunta directiva pretenden deseñala xusto despois da presentación programada para este xoves. Queren poñerse mans á obra canto antes: «A nosa idea é organizar diferentes actividades para recadar fondos e contribuír así á investigación da enfermidade. Un dos nosos obxectivos é promover unha cea ou gala, como se fai noutras localidades de Barbanza».

María José Torres e as súas colaboradoras tamén queren abrir unha liña de axuda a persoas afectadas: «O apoio, tanto ao paciente como aos seus familiares, é fundamental, e ás veces os enfermos descoñecen os servizos aos que poden acceder a través da AECC, polo que un dos nosos cometidos será achegárllelos». Na andaina que veñen de emprender, estas aventureiras sonenses contan co apoio do Concello, que puxo á súa disposición un pequeno local fronte ao centro de saúde para que o empreguen como base de operacións, e dos salóns de peiteado, que xa están reunindo melenas para o banco de pelo. Aspiran, iso si, a medrar: «O que queremos agora é que a xente se sume, que apoie esta iniciativa».