Barbantia medra e fortalécese

Na entrega dos sereos volveu quedar constatado que a asociación é o gran motor cultural da comarca


ribeira / la voz

Celebraba onte o seu acto anual máis importante, a entrega dos sereos, e Barbantia volvía a poñer de manifesto que é nestes intres o gran motor cultural da comarca. Os seus directivos facían balance das actividades levadas a cabo neste 2018, mentres os convidados, tanto as autoridades coma os premiados, destacaban a importancia dunha entidade que animaban a seguir sementando cultura. A asociación, que xa ten 14 anos cumpridos, aspira, cada vez máis fortalecida, a seguir a súa traxectoria ascendente. Como dicía onte o seu presidente, Manuel Cartea: «A cultura é o noso ADN, feito de utopía e esforzo».

A gala de entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2018 tiña lugar no auditorio de Ribeira, con Serafín Marcos como mestre de cerimonias. Comezaba da man do propio Cartea e de Pilar Sampedro, vogal da asociación, que debullaban as diferentes colaboracións que nesta ocasión lle dan forma ao Anuario de estudos do Barbanza, que tamén onte era presentado. O responsable da entidade aproveitaba a súa quenda de palabra para agradecer o labor do incansable Xoán Pastor Rodríguez, «alma da entidade e fontaneiro que se encarga sempre de que todo estea a punto», e para lembrar dúas grandes perdas que este ano sufriu a cultura barbancesa: Plácido Betanzos e Maxi Olariaga.

Antes de que Maralla, Blanca-Ana Roig e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CRMH) recolleran os seus sereos, Manuel Cartea lanzáballes unha mensaxe: «Un premio é un recoñecemento a un mérito, unha compensación, pero tamén un impulso e un compromiso, polo que os galardoados teñen que seguir traballando con máis esforzo e máis ímpeto».

Apoio unánime

Ánxela Franco, deputada provincial, colleu o relevo de Cartea para felicitar a Barbantia, entidade da que dixo que «haberá que darlle as grazas eternamente polo seu labor a prol das artes e da cultura», e para seguir brindándolle o apoio da Deputación coruñesa, deixando claro que a liña de colaboración que está aberta se manterá no futuro. Un apoio que a asociación cultural tamén recibiu onte do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo. Confirmouno despois de cualificar á entidade coma un exemplo do asociacionismo civil: «O labor de colectivos como Barbantia é imprescindible para difundir a cultura en Galicia».

Do mesmo xeito, a entidade cultural conta co apoio do Concello de Ribeira. Brindoullo onte o rexedor local, Manuel Ruiz, despois de unirse ás felicitacións cara o colectivo anfitrión, do que destacou a capacidade que ten para unir a veciños de diversos municipios ao redor dun interese común, neste caso, a cultura.

Tamén os galardoados cos sereos lle deron a Barbantia forzas para seguir na súa loita. Primeiro Maralla, á que Serafín Marcos lanzou un reto: «Nunha ocasión, haberá xa dúas décadas, dixo que lle gustaría pintar as pedras do peirao que está aquí ao lado de diferentes cores e quizais sería un bo momento para facelo». Despois, os representantes da CRMH, Celia García e Andrés Lijó, que aproveitaron para defender o seu traballo: «Un pobo sen memoria é un pobo sen futuro e está condenado a repetir os erros do pasados». E, por último, a profesora e investigadora no eido da literatura infantil e xuvenil Blanca-Ana Roig, a través dunha carta que leu unha sobriña: «Barbantia é unha plataforma que mantén os ideais da súa fundación, os seus dirixente sodes formadores, divulgadores e sementadores de cultura».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Barbantia medra e fortalécese