Barbanza: Ribeira recuperou enclaves únicos para conectar entorno urbano e natureza
Diversos proxectos lograron humanizar zonas que atraen a veciños e visitantes
Ribeira / La Voz.
Se algo queda para sempre gardado na retina é o encanto e fastosidade da natureza. Poucos poden esquecer esa imaxe dun amencer ou dun luscofusco mentres a brisa do mar lles acariña a pel. É por iso que fusionar os beneficios da cidade cos do medio natural foi un dos eixos do Concello de Ribeira. Esta inquedanza, que permitiu recuperar do esquecemento enclaves únicos, coloca á localidade entre as máis atractivas para o turismo e para os propios veciños da contorna.
Destacada e premiada por expertos da materia foi a remodelación da Pedra da Ra, unha das propostas de maior éxito e calado levadas a cabo polo executivo. Milleiros de persoas acoden a este lugar cada ano, perfecto para deixarse levar por ese intre no que o sol se esconde tralo mar mentres o ceo se tingue de cores. As instantáneas son inevitables dende un miradoiro que permite contemplar Aguiño, a illa de Sálvora, o parque natural ou Corrubedo.
Conectar San Roque co Monte da Cidade foi outro dos proxectos levados a cabo polo Concello. Cumprir esta vella demanda permitiu aos amantes das camiñadas percorrer o traxecto que conecta o centro da localidade co conxunto arqueolóxico sen necesidade de loitar para evitar o tráfico rodado.
Parque natural
Dende o propio castro ábrese ante o visitante unha das maiores xoias da localidade, o parque natural de Corrubedo, así como as lagoas de Carregal e Vixán, a primeira de auga salgada e a segunda de doce. Con pasarelas que conectan practicamente cada enclave, destaca a gran duna móbil, dun quilómetro de longo, así como a praia do Vilar, da que gozan milleiros de persoas cada verán.
Seguindo o percorrido, o faro de Corrubedo oposita para converterse noutro atractivo a ter moi en conta. Logo de que o Consejo de Ministros dera o visto bo ao proxecto, só queda que este vexa a luz. Esta icona da paisaxe ribeirense contará con un restaurante, un quiosco e un hotel con 11 habitacións. O executivo aproveitou este movemento para adiantarse e mellorar as beirarrúas que conectan a parroquia co lugar, perfecto para contemplar a forza do mar rompendo contra as rochas.
Pero esta iniciativa para conectar cidade e natureza non se detén en Corrubedo. A senda peonil de oito quilómetros que percorre o leito do río Artes converteuse no lugar perfecto para deixarse levar polo son da auga e da fauna, deixando atrás o mundanal ruído da vida urbana. Para completar o proxecto, o executivo restaurou o lavadoiro no que se inicia a ruta. Dunha lonxitude duns 28 metros, trátase dunha peza que garda na súa rocha a memoria dos centos de veciños que acudiron durante décadas ata o lugar. Unha peza dun valor sentimental incalculable.
Comentarios