Un modelo de cidade para vivila

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A transformación iniciada en Santa Uxía pon ás persoas no centro do urbanismo

15 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode soar incoherente, pero non todas as cidades están pensadas para vivilas, para percorrelas, coñecelas e empaparse do seu ambiente. Con demasiada frecuencia, o que acontece en vilas con certa poboación é que se anda ás présas, en coche, no medio de atascos e sen posibilidade de gozar dun paseo tranquilo e repousado polo centro urbano. Iso en Ribeira está a cambiar. Desde hai uns anos, Santa Uxía está a sufrir unha transformación para adoptar un novo modelo de cidade que coloca ás persoas no centro e lles concede un protagonismo que, ata hai ben pouca, era para os vehículos.

O cambio que está a experimentar o urbanismo en Ribeira é evidente. Os espazos peonís gañaron terreo fronte ás estradas, e seguirano facendo coas actuacións que, ou ben xa están en marcha, ou ben se van iniciar en breve. As obras que dende hai meses se desenvolven na avenida do Malecón teñen un obxectivo fundamental: reordenar viais e beirarrúas para darlle preferencia aos viandantes. Os catro carrís que había converteranse en dous, un en cada sentido de circulación, o que levará aparellada unha redución da velocidade máxima de circulación para incidir na seguridade das persoas.

Os cambios tamén afectarán á área para o estacionamento de vehículos existente no entorno do mercado municipal, que tamén se vai reformular para crear unha ampla zona peonil.

Esta filosofía, na que os cidadáns se converten en protagonistas do modelo urbanístico, terá continuidade en vindeiras intervencións que están previstas no treito da fachada marítima ribeirense comprendido entre o parque García Bayón e o paseo de As Carolinas. Neste caso, é Portos de Galicia a entidade que asumirá o investimento preciso e está previsto que o proxecto saia a licitación nun breve prazo.

Rúas do centro

O primeiro paso que se deu por parte do Concello neste novo modelo de mobilidade consistiu na creación de paseos polo bordo marítimo, e tivo continuidade con novas peonalizacións nas rúas do centro do casco urbano. A zona restrinxida ao paso de vehículos na rúa de Galicia estendeuse, e a ela sumouse o treito de Rosalía de Castro entre a praza do Concello e o entronque co Malecón.

Aínda que esa obra atopou algunhas reticencias entre os comerciantes, case un ano despois do remate dos traballos a rúa está perfectamente integrada no entramado urbano e pouco a pouco os peóns foron conquistando ese novo espazo.

No entorno da praza do Concello aínda están previstos máis cambios. De feito, hai só un par de semanas que saíu a licitación o proxecto para humanizar outro tramo de Rosalía de Castro e da rúa de Lugo, perpendicular á anterior. O investimento reservado para esta nova actuación supera os 244.000 euros e, aínda que a circulación de vehículos non estará restrinxida nesas zonas, si se lle dará un maior protagonismo ás persoas. Para empezar, o proxecto que está sobre a mesa suporá una clara mellora da accesibilidade ao prever a instalación dunha plataforma única, na que se empregarán os mesmos materiais que os utilizados na zona peonil de Rosalía de Castro, de maneira que se manterá unha continuidade.

No que respecta aos coches, poderán transitar por eses treitos, pero vanse eliminar as prazas de estacionamento para dar prioridade aos viandantes con espazos peonís máis amplos.

Aparcamentos disuasorios

As sucesivas obras de humanización, tanto as que xa se realizaron como as que se executarán nun futuro próximo, supoñen unha redución das prazas para aparcar, unha cuestión que tamén está prevista no plan de mobilidade e que xa se viu paliada coa creación de áreas de estacionamento disuasorio.

Nos últimos tempos téñense habilitado un total de tres aparcamentos con espazo para dar cabida a máis de 300 vehículos. Un está na zona de Abesadas, outro no Monumento e o de menor capacidade na rúa Agustín Fernández Oujo, pero están situados de tal xeito que se pode deixar o coche a unha distancia que non supón máis de sete minutos camiñando ata a praza do Concello.

A oferta de estacionamentos considerase suficiente, xa que ás prazas gratuítas súmanse as 620 de pago dispoñibles nos párkings do Centenario e do Rueiro. Con todo, por se non chegara para cubrir toda a demanda, estase a traballar na posta en servizo doutro espazo ao aire libre para os vehículos en Abesadas.

A maiores, e como complemento a todas estas actuacións que buscan reducir a presenza de vehículos no casco urbano para dar prioridade aos peóns, púxose en marcha un plan que abarata o custo do billete no transporte público.