Carta de agradecemento

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

13 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a Comisión Organizadora do Homenaxe Popular a Plácido Betanzos queremos facer pública esta mostra de agradecemento recibida por un veciño de Palmeira, escritor e recoñecido persoeiro da cultura da Barbanza, como mostra do apoio e alento que por outras persoas, colectivos e institucións estamos a recibir dende o comezo e que nos da ánimo para seguir no camiño deste fin, un recoñecemento e unha homenaxe a un bo e xeneroso así recoñecido pola inmensa parte da sociedade da que formou parte, vai por Plácido.

Ben queridos amigos: Aínda na memoria a emoción daquel triste día de xuño en que despedimos a Plácido, nun adro que quedaba pequeno en espazo para ensancharse emocionalmente ata límites inabarcables, aprecio con agrado que a súa memoria permaneza viva entre a veciñanza, co pedido que facedes de poñerlle nome a unha rúa que o lembre; e como amigo con quen compartín palabras e sentimentos, non podo menos que unirme a esta mostra de cariño para facer permanente a súa memoria alí por onde el andou cada día, a carón do mar sobre o que tantas páxinas deixou escrito.

Pero máis ca como amigo, vaia por diante a miña solidariedade como veciño e como persoa preocupada pola memoria, a cousa máis feble que existe, e pola que é de obriga dar pasos cara a súa mantenta, alimentala con estes pequenos actos que nos aproximan á humanidade. Un acto que vos dará pé para renomear as nosas rúas con tantos nomes que forman parte da historia de Palmeira, por eles ou polos seus proxenitores, desde o, posiblemente palmeirán, trobador da corte do arcebispo Xelmírez, Pero de Palmeira, a políticos como Vázquez Varela, Romero Ortiz ou Manolo González Vidal e escritores como Ignacio Martínez, quen fixo un libro de lecturas escolares para os seus alumnos; sen esquecernos de colectivos coma Os Barbanzónicos, aquel grupo de veciños que nos anos 70 do pasado século percorreu os montes da Barbanza á procura de vestixios prehistóricos, e do que formaron parte o tío e o pai de Plácido. Xa sei que me quedan moitas persoas e colectivos que igualmente se esforzaron por poñer a Palmeira no mapa da historia, pero creo que estamos dando un paso adiante para negar ese refrán admonitorio: «Quen dos seus se desbota cos de fóra mal se encontra». E á fin, lembrar a historia e a quen formou parte dela é un legado de futuro.