Pablo Bugallo: «Apelo ao traballo e ao esforzo, que ao final é o que che fai gañar»

Alberto González / s. g.

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O veciño de Boiro foi convocado polo equipo nacional para xogar unha praza no Europeo contra Bielorrusia

13 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este luns Pablo Bugallo (Boiro, 1991) quedou sen vacacións de Nadal. Non lle doeu nin un ápice, xa que o motivo ben merecía a pena. O seu nome estaba na lista de 16 convocados da selección española para disputar, os días 6 e 9 de xaneiro, o Preeuropeo contra Bielorrusia e Xeorxia. Inmerso na loita pola Superliga 2 no CV Teruel, e en oitavos de final da Liga de Campións continental, a súa vida é un non parar.

-Parabéns pola convocatoria. Esperaba estar dentro?

-Por unha parte sabía que tiña moitas opcións de estar. Non o 100 %, pero logo de pasar o verán xogando a Golden European League e de ter comezado co Preeuropeo, coñecía que o corpo técnico contaba comigo. A pesar disto, estou moi contento de formar parte da lista e de estar coa selección absoluta.

-Tócalles preparar o Preeuropeo, terán amigables contra Portugal e ademais, a título individual, está pelexando por todo co Teruel.

-Si, este ano está sendo moi intenso, ademais somos o único equipo nacional que está xogando a competición europea. Disputamos a semana que vén os oitavos de final da Liga de Campións e aínda quedan dúas xornadas máis de Superliga por diante. Teremos un par de días de vacacións, pero logo iremos a Guadalajara para adestrar de cara aos amigables e do Preeuropeo.

-Dende hai moito tempo tiña gañas de competir a nivel europeo co seu club.

-É moi difícil estar aí arriba, nese nivel, enfrontándote aos mellores equipos de Europa. Non hai un rival débil. Na liga, en ocasións, contra os últimos da táboa podes ter encontros máis sinxelos. A nivel europeo calquera rival pode gañarche tódolos sets. A pesar disto, sempre motiva enfrontarse aos xogadores máis potentes, de maior nivel e doutros países. Ao final é o que che axuda a mellorar e alcanzar o teu máximo nivel.

-A onde poden chegar nesa Liga de Campións? Vese con opcións de acceder á final?

-Oxalá sexamos campións, imos paseniño, queremos pasar a cuartos. Facer un bo partido de ida e gañar o da casa. Posibilidades sempre hai, pero é complicado. Estamos nun ritmo de xogo de dous encontros por semana. Luns viaxas, martes adestras e mércores xogas, logo tes o choque de liga. Implica unha esixencia que non che permite recuperar.

-No ámbito doméstico non teñen rival. Volven estar entre os grandes favoritos.

-Sempre hai rivais duros. Nós queremos pensar que temos opcións, pero en realidade se non xogas ben pódenche gañar. Almería é o único invicto e, a pesar de que lle gañamos na Supercopa, non quere dicir que non poidamos perder contra eles na Copa do Rei ou nunha final da fase. En Teruel somos conscientes de que temos bo equipo, pero debemos ser consecuentes.

-Compañeiros doutros clubs afirman que son os candidatos a revalidar tódolos títulos.

-Algo estamos facendo ben, pero non me quero considerar favorito. Apelo ao traballo e esforzo, ao final é o que che fai gañar.

-Volvendo á selección, que papel cree que pode desenvolver?

-Son un dos máis veteranos en idade e o que achego é sempre un pouco de optimismo, ademais de forza e garra. A pesar de non ser o mellor tecnicamente, intento poñer un pouquechiño dese corazón para axudar. Póñome ás ordes dos adestradores para ser un máis, sexa xogando moito, pouco ou nada.

-Veremos a España no Europeo do próximo ano?

-Queremos pensar que si. Se gañamos a Bielorrusia estariamos dentro. Estámolo case acariñando cos dedos. Ese é o propósito do traballo de todo o verán.

-Xogan o día 6 de xaneiro en Teruel, na súa casa.

-Teremos o apoio da afección turolense. Espero que sexa unha tarde bonita de voleibol e, sobre todo, que academos a clasificación para o Europeo.