Maralla: «Síntome profeta na miña terra»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Vén de ser galardoada co sereo á traxectoria cultural que concede Barbantia

12 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva toda a vida dedicada a plasmar ideas e pensamentos en inertes lenzos que enche de vida a golpe de pinceladas e este sábado, Maralla Paz Franco recibirá unha nova homenaxe por esa longa e intensa traxectoria. Nesta ocasión será a Asociación Cultural Barbantia a que premie a labor da pintora de Corrubedo, concedéndolle un dos seus prezados sereos. Asegura que recibiu a noticia con sorpresa e ilusión: «Concédolle unha grande importancia, tanto aos galardóns en si mesmos como á asociación que os outorga, pola relevancia que ten na comarca».

Ela, como tantos outros barbanceses vinculados ao mundo das artes, ve en Barbantia ese piar no que se sustenta a cultura na comarca: «É unha entidade que temos que coidar moito para que perdure no tempo», sinala. Pola importancia que lle concede á asociación, agradece aínda máis unha distinción que recibe coma un recoñecemento a un traballo realizado ao longo de moitos anos: «Valoro este premio, máis que nada, por ser un galardón outorgado mediante votacións, por xente de aquí, da contorna. Agora mesmo síntome profeta na miña terra».

Nada máis coñecer a noticia da súa elección como gañadora do sereo á traxectoria cultural, a mente de Maralla viaxou aos seus comezos como artista, alá polo ano 1976, nunha escola de Vigo: «Gustábame moito a cerámica, pero cando vin para Corrubedo, a electricidade en Balieiros era tan frouxa que non podía ter un forno para cocer o barro, co cal me pasei de cheo á pintura». Pouco despois tivo o seu primeiro contacto co gran público, nunha mostra colectiva de pintores galegos que se montou no ano 80: «Era unha exposición que organizaba a Caixa de Aforros, na que tiven ocasión de compartir espazo con artistas recoñecidos, coma os queridos e desaparecidos Pepe Núñez e a súa esposa Marcela ou Xoán Fernández». Lembra que aquela colección percorreu varias cidades galegas: «Foi unha experiencia nova para min, que resultaría decisiva para a miña carreira como artista».

Iniciativas en marcha

Aínda que asegura que non traballa baixo proxectos, senón que se enfronta ao lenzo en branco cando o corpo llo pide, Maralla confesa que está nestes intres enfrascada nunha aventura artística: «Cara o mes de agosto haberá unha exposición de pintores nacidos en Ribeira no Lustres Rivas, será a segunda parte dunha experiencia que tivera lugar hai anos. Tamén pode que participe nunha mostra en Noia, aínda que non está confirmado».

A pintora ribeirense explica que é máis partidaria das exposicións colectivas que das mostras individuais, que requiren moito esforzo e tempo: «Teño a miña propia sala de exposicións en Balieiros, no meu estudo, e a xente que me visita pode ver as miñas obras. Hoxe podo dicir con toda seguridade que están por todo o mundo».

O mar que ve desde ese estudo de Balieiros foi e será a súa principal fonte de inspiración: «Sempre está aí, con toda a súa vida, a súa enerxía, a súa forza e as súas cores… Del xorden os meus mundos oceánicos». Iso si, sempre atopa tempo para crear unha obra totalmente diferente: «Hai uns anos, en Florencia, namoreime da Primavera de Botticelli e, a partir de entón, fago unha primavera distinta cada ano. É coma o comezo dunha nova etapa».

Fantasía e imaxinación mestúranse nos cadros desta artista que non dubida á hora de definirse a si mesma coma unha eterna insatisfeita: «Poñerme diante dun lenzo en branco prodúceme medo e respecto a partes iguais, e cando a mancha vai collendo forma éntranme moitas dúbidas, que ás veces me levan a abandonar. Outras veces, ármome de valor e sigo, pero en poucas ocasións quedo contenta co resultado». Quizais por iso está convencida de que aínda lle queda un longo camiño por percorrer: «O que fixen ata agora foi aprender e ensaiar. Teño que seguir formándome e quizais así, algún día, consiga realizar unha obra boa, unha obra importante que realmente me defina».