Fran Pena: «Dígolle aos rapaces que a nosa liga empeza en xaneiro»

S. Gómez

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A pesar do seu fichaxe polo Boiro de Terceira División, non se desvinculou das cores celestes. Dirixe o conxunto infantil de Liga Galega

12 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

 Sería tarefa imposible contar os días que Fran Pena (Ribeira, 1988) pasou na Fieiteira. A pesar do seu fichaxe polo Boiro de Terceira División, non se desvinculou das cores celestes. Dirixe, xunto a Beto Teira e Juan Fungueiriño, o conxunto infantil de Liga Galega, o único na comarca.

-¿Que meta tedes marcada?

-Era facer un bloque para competir cos mellores. Sempre cos pes no chan e sabendo que nos tocaría loitar por salvarnos. Dígolle aos rapaces que a nosa liga empeza en xaneiro, cando disputemos a fase de descenso.

-¿Cal é o nivel da categoría?

-No referente ao xogo non é vistosa, pero tódolos equipos saben competir. Os catro primeiros clasificados son máis de toque, pero co resto pódese loitar os partidos.

-Custoulles formar o vestiario.

-Intentamos falar con xente doutros clubs, estábamos interesados en tres ou catro rapaces. Pero existe moita rivalidade entre os equipos de aquí. Parece que queren que a ti che vaia mal en vez de darlles facilidades aos nenos para que xoguen nunha liga máis alta. Nalgúns casos levan anos nun club e teñen inculcada unha competitivade cara o Atlético Ribeira. A maiores, o Bertamiráns levounos a dous xogadores que serían importantes este ano.

-¿Merece a pena nestas idades marchar ao Bertamiráns?

-Ao final están na mesma liga. Teñen que adestrar alá tres días e sumarlle o do partido. Parece que vale máis gañar que axudar aos conxuntos de aquí. Se vas para unha canteira de nivel, como o Dépor ou o Celta, podo entendelo. O que está claro é que cada un fai o que quere cos seus fillos.

-¿Que Ribeira lle gusta ver?

-Gústame ter o balón, pero é complicado. Debemos xogar máis directo e intentar gañar as segundas xogadas. Contra estes rivais cada erro cústache moito.

-¿Como valora o traballo que se fai na canteira?

-Nos últimos anos, dende que se firmou o convenio co Celta, o Ribeira deu un salto importante. Estase traballando ben e dá os seus froitos. Sempre hai unha persoa que che axuda, ven o que tes que mellorar e coméntancho. Saben como levar unha base.