Santiago García: «Estou seguro de que a Alberto Romero lle encantaría este certame de curtas»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O concurso naceu como unha homenaxe, pero segue unha traxectoria imparable

11 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi, ao longo da súa vida, un activista social que desenvolveu a súa loita, fundamentalmente, no eido educativo. Por iso, trala súa morte no 2015, as ANPA de Ribeira quixeron renderlle a homenaxe que se merecía a Alberto Romero, promovendo no seu nome un certame de curtas. Debido á relevancia que foi cobrando a iniciativa, da que está en marcha a terceira edición, fíxose precisa a constitución dunha asociación encargada da coordinación. Á fronte sitúase Santiago García.

Aparte de amigo de Alberto Romero, este veciño de Palmeira traballou cóbado a cóbado con el en varias ANPA, polo que asumiu o reto de manter viva a súa memoria desde o primeiro momento. «Chamáronme da ANPA do Número Un e apoiei a iniciativa de forma inmediata», lembra, ao tempo que engade que tamén participaron no proxecto as asociacións de pais do IES Leliadoura e do colexio de Palmeira. Foron os docentes os que orientaron a homenaxe cara o audiovisual: «O cine sempre foi unha das paixóns de Alberto e os mestres tamén nos comentaron que podía ser unha boa opción tendo en conta o interese dos mozos polas novas tecnoloxías».

E así foi como naceu o certame de curtas Alberto Romero, concurso que segue unha traxectoria ascendente: «Fixemos unha primeira edición cos centros educativos de Ribeira, pero tivo unha aceptación tan grande que decidimos que medrara a perdurara no tempo», explica Santiago García. E, por aclamación popular, o certame estendeuse a toda a comarca de Arousa norte e incluso máis alá das súas fronteiras: «Nesta terceira edición incluímos unha categoría libre e aberta a toda Galicia. Imos variando as bases tendo en conta as peticións que nos trasladan». De feito, este ano o concurso incorporou un programa formativo, con obradoiros de elaboración de curtas que se desenvolveron en Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo: «Quedei sorprendido vendo como gozaban os nenos participantes».

Traballo en equipo

Máis alá do fin co que naceu, como homenaxe, a iniciativa persegue a difusión do audiovisual entre as novas xeracións: «Estou seguro de que a Alberto Romero lle encantaría este certame de curtas porque, ao final, o obxectivo é darlle a mellor educación aos nosos fillos e o audiovisual é un eido que se toca moi pouco desde as aulas, está case sempre concibido como unha actividade extraescolar». O traballo en grupo é outro dos piares desta iniciativa: «Nalgunhas das curtas que concorreron o ano pasado participaron aulas completas e esa unión dos rapaces é o que tamén perseguimos».

Diante da traxectoria ascendente que rexistra o concurso, a asociación que preside Santiago García non quere poñerse límites: «Imos medrando a partir das achegas que nos fai a xente e aspiramos a mellorar ano tras ano, sen teito. O certo é que non temos claro a onde queremos chegar, o tempo o dirá».

O certame audiovisual é o eixo, pero a entidade tamén traballa en outra importante iniciativa vinculada con Alberto Romero. Baralla nestes intres a posibilidade de publicar unha obra que compile algúns dos seus textos: «Gustaríanos, polo menos, sacar á luz un libro coas colaboracións que fixo para o libro das festas de Palmeira». Santiago García comenta que a produción que deixou é máis ampla: «Ten poemas e algo de narrativa, tanto en galego como en castelán e en inglés. Incluso deixou un par de noveliñas, pero non sabemos se están ou non rematadas».