Pedra seca

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

12 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Unesco acaba de recoñecer a pedra seca como patrimonio inmaterial da humanidade. Inmaterial porque o que recoñece é a técnica e o coñecemento transmitido ao longo dos séculos das persoas que, sen gota de cemento nin argamasa ningunha, foron tomando da terra as pedras necesarias e tallándoas para construír valados, muros, hórreos, abellarizas, muíños, socalcos, e demais construcións necesarias para a súa supervivencia no territorio.

Sen dúbida ningunha, podemos presumir da sabedoría que se foi transmitindo xeración a xeración, e que hoxe conforman o que entendemos como arquitectura popular, arquitectura da paisaxe. O seu recoñecemento pode ser un alicerce para a investigación, para a formación en oficios tradicionais, para coñecer os métodos que sobreviviron moitos anos ata os nosos días sen causar as catástrofes que estamos provocando coa construción actual.

Debemos aprender deles que a pedra sen argamasa deixa pasar a auga, evitando as inundacións das leiras, que permite o enriquecemento da terra para usos agrícolas, que apenas hai límites para a creatividade na construción. Débenos facer reflexionar para evitar usar o cemento para facer muros e valados, tamén para o resto das construcións. Utilizar o cemento para xuntar pedras é unha técnica torpe, bastarda, que impide o paso da auga, que acaba provocando a destrución do muro, a medio prazo. Tamén debemos tomar nota para a restauración das construcións, na que moitas veces usamos cementos e argamasas innecesarias, que en nada benefician a solidez e que estragan a beleza recoñecida pola Unesco.