Maldito picudo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

28 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é terra de emigrantes dende o século XIX, que fuxiron da pobreza cara a lugares avanzados como Cuba, Arxentina, o Brasil, Uruguai ou Venezuela, nos que foron traballar duramente sen subsidios nin axudas estatais -dende cero- acadando niveis de vida impensables na nosa terra.

Bautizados como indianos, cando regresaban á terra, ademais de traer un haiga nunca visto aquí -«o automóbil máis luxoso que haiga»-, e flamantes traxes de cor branca, construíron escolas, fontes, lavadoiros, cines ou mercados, e adornaron os espazos públicos con palmeiras, como signo de distinción e progreso.

Os propios pazos galegos tomaron nota e plantaron palmeiras nos seus xardíns para se distinguir do resto das familias, ata que a moda se socializou e se estendeu ás casas humildes e os concellos comezaron tamén a plantalas. Dada a intensa demanda desta especie, os distribuidores cambiaron o mercado americano polo canario, e as palmeiras que vemos hoxe case todas veñen das illas. Con todo, son árbores inútiles en Galicia porque non dan froito, non dan sombra ningunha, secan as fontes e augas soterradas e destrúen os alicerces das casas.

Dende hai dez anos, súmase un máis: un escaravello vido de Exipto que acaba con elas. Coñecido como o picudo vermello, esténdese a grande velocidade ata o norte acabando con elas, cun alto custo de eliminación. Hoxe non temos nada que demostrar e precisamos árbores autóctonas e frondosas que nos dean sombra e que absorban a contaminación que producimos. É un bo momento para que os concellos substitúan as inútiles palmeiras por útiles árbores de aquí.