Búscase bici de madeira perdida; razón, escola de Campo de Pazos

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

ESCOLA ROSALÍA DE CASTRO

Toda a comunidade educativa está á procura dun regalo familiar perdido por un dos seus alumnos

08 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces esquecemos que nas aulas non só se ensina aos cativos matemáticas ou linguaxe, senón que estes tamén aprenden ensinanzas esenciais para a vida real. O seguinte relato, con arrecendo a conto infantil, é un reflexo perfecto desta premisa. Trátase de como a sinxela historia dunha bicicleta que lle desapareceu no verán a un dos alumnos, Roi, rematou por emocionar e mobilizar aos seus compañeiros de clase, docentes e familias ata converterse nunha auténtica lección.

Hai uns días, na escola Rosalía de Castro de Campo de Pazos -integrada no CRA de Rianxo-, a profesora Sol Beiroa daba paso aos pequenos, de entre 4 e 6 anos, para que foran presentando uns deberes especiais. No marco dun traballo da biblioteca escolar, os cativos leran un libro de Toño Núñez, O señor mago e a folla, e como no peche o autor sentencia que «os recordos son como pombiñas brancas que aniñan na memoria», a mestra propúxolles que expuxeran os seus recordos más prezados. Así foi como Roi pronunciou a frase que o cambiaría todo: «Eu recordo a miña bici de madeira, gustábame moito, pero fuxiu...».

Nese intre, a curiosidade prendeu como a pólvora nos ollos dos amigos do neno, pois a bicicleta de Roi era de sobra coñecida. «Foi un regalo que lle trouxo de Suíza o pai nunha das viaxes de volta», explicou Beiroa, docente na escola de Campo de Pazos xunto a Teresa Lorenzo. En realidade, todos os rapaces querían xogar con aquela bici, non porque fose especialmente moderna ou tivese grandes equipamentos, senón porque está feita de madeira.

Valor pedagóxico

«Igual a enterrou un animal». «Puido levala un furacán». «Quizais a levou unha riada». Estas foron algunhas das posibilidades que apuntaron os cativos, ata que despois dun amplo debate infantil xurdiu a idea de colocar carteis nos farois e comezar unha procura que medra por momentos. Onte chegou á escola un compañeiro, Manuel, cun mapa elaborado por el mesmo que abrangue dende o fogar do pequeno ata o colexio.

«Sabemos que é case imposible que apareza a bicicleta, pero iso non é o que buscamos, en realidade o que é marabilloso é que vexamos que os nosos pequenos son capaces de preocuparse polos demais», explicou Sol Beiroa, para precisar que os propios estudantes tomaron decisións como difundir os carteis elaborados a través de redes de mensaxería de móbiles en vez de gastar papel.

Precisamente, as dúas docentes sinalaron que a procura da bicicleta desaparecida converteuse nun proxecto pedagóxico polo que o alumnado «debate, propón hipóteses e séntese partícipe de algo común resaltando valores como a responsabilidade e o compromiso».

Pero, ¿e se nunca aparece a bicicleta despois de tanto esforzo? Pois na inocente resposta da pequena Elsa está a maior de todas as leccións: «Se non aparece non pasa nada, Roi xa ten moitos tesouros. Tennos a todos nós».