Blanca-Ana Roig, Maralla e o colectivo comarcal da Memoria Histórica; Premios Barbantia da Cultura 2018

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Os galardóns serán entregados á escritora, á pintora e á asociación o sábado 15 en Ribeira

08 dic 2018 . Actualizado a las 19:41 h.

Xa se coñecen os nomes dos gañadores da duodécima edición dos Premios Barbantia 2018, galardóns que nesta ocasión recaeron na escritora sonense Blanca-Ana Roig Rechou, a pintora Maralla e na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CRMH). Dúas profesionais e unha agrupación quitados dunha lista de nominados de vertixe.

Na categoría de cultura galega, o recoñecemento foi a parar a mans de Roig, doutora en Filosofía e Letras e autora de decenas de ensaios. Do mesmo xeito, a reputada artista María José Paz Franco, Maralla, resultou merecedora do premio no apartado dedicado á traxectoria cultural; mentres que no caso do colectivo en defensa da memoria histórica este foi recoñecido na modalidade de iniciativa cultural

MARCOS CREO

O recoñecemento terá lugar o sábado 15 no auditorio municipal de Ribeira, nun acto que se celebrará ás 12.30 horas e que estará conducido polo actor Serafín Marcos, que estará acompañado da virtuosa pianista Michelle Pena. A gala reunirá a distintas personalidades como o secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Anxo Lorenzo; ou ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas. Dende a organización agardan a presenza de distintas figuras representativas do mundo da cultura.

No primeiro apartado, a nominación de Blanca-Ana Roig competía coa do etnógrafo Clodio González e o director  do Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, o tamén sonense Manuel Olveira. En iniciativa cultural, a do CRMH mediuse á labor de difusión musical impulsada dende a boirense A Pousada das Ánimas e á asociación cultural Terra de Outes. Os outros dous candidatos na modalidade de traxectoria cultural eran o músico Enrique Paisal e a activista cultural Ana Blanco.

 

Xantar de confraternización

Por outra banda, ao remate da entrega dos galardóns, está programada un xantar de confraternización no restaurante do Club Náutico de Ribeira. Os interesados en anotarse deberán facelo antes do vindeiro mércores enviando un correo electrónico a: barbantia@barbantia.es. O menú ten un custe de 30 euros e está conformado por embutidos ibéricos, empanada, brochetas, langostinos e un segundo a elixir -pescada en salsa verde ou xarrete-.

O Portus Apostoli e a fundación de Noia marcarán o número 14 do anuario de estudos

Como cada ano, a gala de entrega dos Premios Barbantia volverá acoller a presentación dunha das publicacións máis importantes que realiza a asociación cultural, o Anuario de estudos do Barbanza, que chega á súa edición número 14. Nesta ocasión, e polo peso da efemérides, a conmemoración do Portus Apostoli e a fundación da vila noiesa serán abordadas mediante un texto de investigación de Pedro García Vidal, á que se sumará unha reflexión sobre a Carta Pobra de 1168, a cargo do historiador Xerardo Agrafoxo. A apertura estará dedicada á memoria de dous socios de Barbantia e representantes da cultura que faleceron este ano, o noiés Maxi Olariaga e o ribeirense Plácido Betanzos; a través de senllos obituarios.

Por outra banda, o anuario recolle interesantes traballos como unha revisión do mito de Penólope por parte da autora Aurora Marco. Asemade, Antón Rodríguez Gallardo retrocederá no tempo para analizalo conflito político e social durante o bienio conservador republicano -o goberno da CEDA- en Boiro, entre 1933 e 1936.

Cariátides e sereos (Sálvora) 

Unha metáfora mitolóxica. Nesta sociedade, un pode ser un mero observador, como se dunha estática cariátide se tratase ou pode moverse libre como un sereo polo mar. Mil millóns de grazas a Barbantia e os seus habituais por preferir sempre a segunda opción e por seguir traballando duro pola difusión e promoción cultural.