Maximino Pérez recrea a escola dos 70 no seu novo libro

a. l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O escritor lousamiano foi o protagonista do acto que a Asociación Barbantia realizou na vila pobrense

02 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mino é un neno bastante inquedo e que non entende moitas das cousas que pasan na escola e na sociedade de principios dos 70: non se pode falar galego nas aulas e hai moitos «vagos e maleantes» que ocupan a prisión de Noia. Todas estas historias forman parte do último libro do escritor lousamiano Maximino Pérez, titulado Onde está a miña escola? Mino, que este venres presentou na Librería Ler de A Pobra coincidindo co acto mensual que celebra a Asociación Cultural Barbantia. Precisamente, a vicepresidenta do colectivo María Xesús Blanco foi a encargada de actuar de mestra de cerimonias, establecendo un diálogo co autor para pedirlle que explicara como elaborou cada un dos capítulos da obra, «que nun 80 % é autobiográfica e nun 20 % é ficción», apuntou o autor.

Unha das partes que destacou deste libro é cando se fala da morte de Claudio Guerín, que faleceu ao caer do campanario da igrexa de San Martiño cando estaba gravando La campana del infierno. «Mino é testemuña deste tráxico suceso, pero nun principio pensa que forma parte da rodaxe, ata que se dá conta de que é realidade», sinalou Maximino Pérez, que recordou a lenda maldita que existe sobre esta igrexa noiesa, «que di que quen tente reconstruír o torreón morrerá, e Guerín fixo un de cartón pedra para a película e faleceu».

Os nenos e o amor

O escritor lousamiano tamén reserva unha parte do seu volume para falar do amor, «porque todos os nenos se namoran». Sen embargo, a nena á que quere Mino é filla dun garda civil daquela época.

Esta é la historia coa que se pecha o libro de Maximino Pérez, que non quere rebelar qué ocorre finalmente entre o seu personaxe e a súa namorada, «porque teñen que ser os lectores os que o descubran».