Electoralismo

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BARBANZA

26 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando me sento a escribir estas liñas non busco polemizar, nin tan sequera adoutrinar, palabra. Supoño que co paso do tempo un procura medirse, pero hai cousas que escapan ao meu entendemento. Este sábado un partido político boirense quixo facer unha actuación de visualización da violencia machista na rúa peonil. Comentan que a súa intención era colocar unhas lápidas ao longo da vía para facer visibles as 44 mulleres asasinadas por descerebrados no que vai de ano. Cando lin neste xornal que o executivo local censurou devandito acto por consideralo electoralista alucinei. Engadían dende o Concello que xa tiñan programadas accións institucionais para o domingo auspiciadas pola Xunta, e convidaban a esta formación a sumarse a elas.

A pesar desta negativa congratúlame comprobar que algo mudaron as cousas, porque hai dous anos organizouse por este día internacional contra a violencia de xénero unha mostra de zumba superfeminista e nada casposa. Na miña irrelevante opinión endexamais haberá actos abondo para mostrar sen eufemismos e coa crueza que sexa precisa este mal que carrexa a sociedade. Se cada partido ou asociación do concello queren organizar un póñanlles pontes de prata sen ollar siglas ou ideoloxías.

Entendemos o electoralismo nuns termos moi diferentes; para min, por exemplo, publicar pasquíns propagandísticos con cartos públicos é moito máis electoralista que calquera acción de rúa. Pero vaia, semella que os tempos de demandar humildade e certo sentidiño nun goberno antóllanse, cada vez máis, unha quimera inalcanzable. Unha mágoa.