«Eu corro moito perigo e non se dan conta, ninguén fai nada»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Fala unha muller vítima da violencia machista desde tres perspectivas diferentes

25 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos, o 25 de novembro viste de cor negra, e por parte das Administracións distribúense carteis e camisetas, e promóvense campañas con colexios e comercios baixo o lema En Negro, pero hai persoas ás que iso non lle aporta gran cousa. «Para min o 25-N non significa nada. Si, poño a camiseta e fago a foto coma calquera, pero eu estouno vivindo, estouno sufrindo». A que fala é unha vítima de violencia machista, unha violencia que adopta múltiples formas e que ela viviu dende distintas perspectivas. Primeiro veu como a padecía a súa nai, logo viuse illada polo seu exmarido, e dende hai anos sofre os insultos, as ameazas e os golpes do seu propio fillo.

O medo e a vergoña que a miúdo senten as vítimas e que lles impide contar o que lles están a facer pasar non lle son alleos, pero asegura que xa non pode máis: «A lei non funciona, síntome impotente, xa gastei todas miñas forzas loitando e non consigo nada. Isto non funciona. Eu véxome coas mans atadas, estou moi cansa». Está farta de sentir medo, aínda que o ten: «Xa non quero pasar unha, nin ao meu fillo nin a ninguén, canseime, agora tócame vivir. Eu quero ser feliz, nada máis, quero saber o que é estar tranquila».

O calvario que vive co seu único fillo, co que segue convivindo, comezou cando era apenas un rapaz e comezou a consumir alcohol e drogas. A situación de violencia que vivía levouna incluso a marchar e alugar un piso, pero acabou por ter que regresar e agora non pensa volver a irse: «É a miña casa e non vou marchar, ¿por que vou ter que facelo se é a miña casa? O que quero é que o boten a el». Fala disto despois de relatar a última malleira, que fixo que acudiran á súa casa unha ambulancia e varias patrullas da Policía Local e da Garda Civil. A súa sorpresa foi maiúscula cando despois deste último episodio resultou que o sei fillo a denunciou a ela por agresión primeiro e non se estableceu ningún tipo de medida de protección.

Como agresora

«Resulta que agora eu saio como unha agresora cando o único que fixen foi defenderme, ¿e que fago entón? ¿Déixome ir? Se non me sei defender levo eu todos os golpes», asegura, ao tempo que relata o soa que estivo e a incomprensión que recibiu á hora de denunciar. De calquera xeito, é pesimista con respecto ás medidas que se poden tomar porque non era a primeira vez que presentaba unha denuncia por maltrato contra o home ao que lle deu a vida: «Dunha das veces puxeron unha orde afastamento, ¿e? Non saíu do meu piso. Quero que se saiba que o sistema non funciona, todo o que fan é en balde. Unha orde de afastamento non vale para nada, ¿ou por que seguen matando mulleres?».

Conta que o seu mundo é o seu cuarto, é o seu refuxio, e vive encerrada nel coa porta pechada con chave porque ten medo: «Para min ter que saír é un suplicio. Ultimamente véxolle unha mirada que me dá medo, é unha mirada de asasino. Eu corro moito perigo e non se dan conta, ninguén fai nada».

Non son poucos os que coñecen o calvario que vive, e moitas veces tamén se topa coa incomprensión dos demais: «A xente non o entende, tes que vivir isto para saber o que é... E aínda tes que aguantar que digan que es parva por aguantar». E conclúe: «Non quero perder ao meu fillo, quero recuperalo. Teño a conciencia tranquila, non me sinto culpable de nada porque fixen por el todo o que puiden, pero xa non quero facer nada máis».

«Se con isto puidera aportar un gran de area para que alguén cambiara algo sería un triunfo»