Sebastián Paz: «Felipe Paz estaba esquecido por completo, pero por fin viu a luz»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Leva dúas décadas localizando e compilando as composicións do seu avó

24 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de morrer, hai case dúas décadas, Sebastián Paz fíxolle unha encomenda ao seu fillo: encargoulle que non se esquecera de rescatar e sacar á luz as composicións de seu pai, Felipe Paz Carbajal. Desde entón, o neto do prolífico músico nacido en Pontevedra, pero que residiu boa parte da súa vida en Noia, onde morreu -e chamado tamén Sebastián Paz-, loitou con tódalas súas forzas por cumprir a misión. Hoxe, despois de conseguir reunir máis de duascentas partituras, afirma con orgullo que superou o reto, aínda que non dá por rematada a loita.

O camiño que percorreu Sebastián Paz para acadar esta meta non foi doado: «Levo todos estes anos en contacto con diferentes musicólogos e mergullado en arquivos para tratar de salvar a obra do meu avó, posto que se dá a circunstancia de que estaba moi espallada». É que Felipe Paz ansiaba por riba de todo que as súas pezas fosen interpretadas e escoitadas, polo que en moitas ocasións entregáballe as partituras orixinais aos integrantes das bandas para que as incluísen nos seus repertorios.

Agora, 19 anos despois de iniciar o seu labor, Sebastián Paz asegura con rotundidade que a obra relixiosa do seu avó, unha das súas facetas máis prolíficas, está completa e suma ao redor dun cento de partituras. Tamén están inventariadas outras tantas composicións para banda, unha sección que non se pode dar aínda por pechada: «Estas obras son as que máis repartidas están. Atopei en Sada máis de 20 que estaban no arquivo de Xabier Garrote e tamén en Rianxo José Luis do Pico localizou un número considerable de pezas no arquivo de música local».

Tamén hai dúas importantes operetas, das que se ten constancia por medios de comunicación da época, que continúan desaparecidas. As súas investigacións mesmo levaron a Sebastián Paz a San Sebastián: «Alí hai unha firma que editou moitas obras para banda e estamos tratando de recuperar no seu arquivo varias composicións».

Músico prolífico

El, que coñece mellor que ninguén a obra do seu avó, non dubida en cualificalo como «o compositor galego máis prolífico en obras para banda do século XIX e probablemente incluso a nivel estatal». Do silencio que ao longo de moitos anos sufriron as súas partituras responsabiliza, en certa medida, á familia: «O que ocorreu foi que, cando morreu, os fillos eran pequenos e non puideron asumir o reto. Logo, algúns marcharon para Bos Aires. O certo é que ninguén se preocupou de sacar á luz estes tesouros».

Entre esas xoias máis valiosas, Sebastián Paz destaca Unha festa en Galicia, unha sinfonía para banda militar na que conflúen os sons propios dunha celebración galega, como muiñeiras, xotas e cantos de cego; e En San Martín de Sobreiral, referida a Noia. Asegura que da súa obra despréndese que o noiés «foi un músico que viviu e traballou por e para Galicia».

Despois de todo o esforzo realizado, Sebastián Paz séntese tremendamente orgulloso cando escoita as melodías que foron compostas polo seu avó hai máis dun século. Ata en Madrid, onde reside, son interpretadas acotío pola Banda da Garda Real: «Felipe Paz estaba esquecido por completo, pero por fin viu a luz».

Asegura, satisfeito, que cumpriu o encargo que lle fixo seu pai hai 19 anos, pero gustaríalle que o camiño aberto se seguise percorrendo: «O que quero agora é que algún musicólogo se anime a continuar coa investigación sobre a obra de Felipe Paz, porque sei que aínda hai moitas partituras que seguen espalladas por aí». Bríndalle todo o seu apoio a aquel que se brinde a tomar o relevo.

Obra reunida. Ao longo das dúas últimas décadas foron compiladas un cento de partituras de música relixiosa e outras tantas composicións para banda.

O futuro. Sebastián Paz aspira a que alguén colla o relevo e siga investigando a traxectoria do seu avó e reunindo a obra.