Juan José Dieste: «Boiro é un pobo difícil de gobernar, pero que dá gusto gobernar»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Valora moi positivamente os proxectos que se levaron a cabo nos paseos do ríos Coroño e Breiro, ao mesmo tempo que presume de dar un gran empuxón para sanear as contas do Concello

24 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Juan José Dieste gústalle dicir as cousas claras e con datos na man. De feito, é un experto manexando cifras e recordando todo o traballo e os investimentos feitos nestes oitos anos á fronte do Concello de Boiro, un municipio que, segundo o seu rexedor, experimentou un importante cambio que o está a converter nun referente en toda a comarca.

- ¿Como definiría a situación actual de Boiro?

-Penso que nestes anos fixemos un Boiro renovado, máis estético e máis valorado polos veciños do municipio e tamén pola xente de fóra. Eses son os comentarios que nos chegan de moitos visitantes, sobre todo, desde a apertura dos novos paseos do Breiro e o Coroño.

- ¿Houbo unha aposta decidida por integrar o casco urbano no entorno natural?

-Si. Cos novos espazos naturais dos ríos Breiro e Coroño estamos rodeando o casco urbano. Son proxectos moi importantes que se unen ao paseo de Barraña e dan un enfoque dun Boiro natural, e ao mesmo tempo urbano e humano, onde hai unha integración entre os cidadáns e o entorno. Seguindo os exemplos de grandes cidades, conseguimos mellorar a convivencia entre natureza, poboación e urbanismo.

-¿Como están as contas do Concello con tantas inversións?

-Cando chegamos ao goberno tiñamos una débeda de case 22 millóns de euros que parecía un chanzo insuperable, era como un Everest económico. Pero fomos capaces de saltar ese escollo e reducir esa débeda bancaria a algo máis de 2,6 millóns, que é o que hai na actualidade.

-¿Cal foi a receita para poder facelo?

-Descubrimos que Boiro pódese gobernar coa metade de cartos, porque estivemos traballando no 2018 coa mesma cantidade de presuposto que en 1997, e sen subir os impostos en oito anos. A receita está en mellorar a eficiencia na xestión, reducindo e controlando o gasto corrente para liberar cartos para as inversións. Tamén hai que ser eficaces na recadación de impostos, porque hai moito fraude, que é o grande problema deste país. Non hai que subir impostos se gastamos ben, somos eficaces na xestión e recadamos o que temos que recadar, que todos paguen o que lles corresponde.

-Para facer os grandes proxectos tamén contaron coa axuda da Xunta.

-Así é, grazas a ela conseguimos facer moitos e grandes proxectos. Hai que lembrar este grande apoio da Xunta, con inversións millonarias nestes anos que amosan o gran peso que ten Boiro para o Goberno galego. Aínda que o gran esforzo foi do propio Concello.

- ¿De todos os proxectos que fixo o seu goberno, cales destacaría?

-Eu estou orgulloso de todos, porque todos fan falta: desde as obras de abastecemento que se están facendo no rural, onde tamén se están asfaltando camiños e levando o saneamento, ata proxectos máis importantes, como o do club de remo de Cabo de Cruz, o do pazo de Goiáns ou os novos pantaláns para os bateeiros. Tamén estou orgulloso do enfoque natural que lles estamos dando aos paseos do Breiro e o Coroño. Estes son os temas estrela en canto a inversións, pero tamén hai outros que non son tan coñecidos e que teñen que ver co emprego, a xuventude, infancia, deporte, cultura, educación ou os servizos sociais. Puidemos chegar a todas as áreas e en todas melloramos os seus recursos. Fixemos unha xestión exemplar, pero con moitísimo traballo. Eu teño moitísimas pestanas queimadas, pero coma min, o resto do equipo de goberno.

-Hai diferenzas á hora de falar de inversión no rural e no casco urbano .

-No rural estamos facendo un gran esforzo, e a inversión por cada veciño nesas zonas incluso cuadriplica a dos residentes no casco urbano. Estamos falando de núcleos con pouca poboación, pero onde se está gastando moito diñeiro.

-¿Que queda por facer?

-Queda moito por facer aínda que non se vexa. Está claro que hai que planificar, ser ordenados e coherentes, e xa temos o proxecto do outro lado do estuario do río Coroño, que se vai a preto de 190.000 euros, cunha senda que vai fortalecer medioambientalmente todo o entorno. Tamén temos preparada outra actuación importante no pazo de Goiáns que afectará ao lagar e ás escalinatas. En canto aprobemos o presuposto do próximo ano, e a burocracia o permita, tamén faremos o paseo marítimo de Esteiro. Ademais de todo iso, seguiremos dando continuidade a obras de carácter paisaxístico e de lecer.

-Tras oito anos como alcalde de Boiro, ¿de que presume deste municipio?

-Eu presumo da actividade frenética que ten Boiro en distintas facetas e sectores. A gran forza e riqueza do municipio é a xente de Boiro, a súa imaxinación, o seu traballo, a súa creatividade e o seu dinamismo. Boiro é un pobo difícil de gobernar, pero que dá gusto gobernar, porque está sempre activo e se renova. Boiro foi un dos pobos que máis medrou de España nos últimos corenta anos, e todo iso foi posible porque hai unha gran calidade humana que aposta por iniciativas novas en todos os ámbitos.