A apertura do urbanismo á natureza

A. parada

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

As grandes actuacións e inversións do executivo forman parte dun plan conxunto de futuro dirixido a potenciar os recursos ambientais, turísticos, culturais e patrimoniais da vila e parroquias

24 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se poñen sobre a mesa todas as apostas realizadas nos últimos tempos polo executivo boirense en materia de dinamización da natureza, turismo e patrimonio é doado decatarse de que forman parte dun mesmo plan dirixido a potenciar os recursos existentes e que se apoia neses tres piares para lograr unha sinerxía total. Mais non só iso, pois actuacións como as dos paseos dos ríos Breiro e Coroño simbolizan unha aposta de futuro que lle abre as portas da natureza a un urbanismo coidado e humanizado.

A creación destas sendas fluviais supón a habilitación de máis de tres quilómetros e medio dunha cómoda ruta na que se pode admirar a riqueza da paisaxe verde boirense, mentres se camiña comodamente sobre pasarelas que respectan a contorna e se funden con esta. Do mesmo xeito, conta cun matiz funcional, pois este cinto natural tamén está ideado para unir aos habitantes das parroquias coa propia vila e arredores.

Por outra banda, os proxectos non se basearon só en explotar o potencial medioambiental boirense, senón que están acompañados de recursos ideados para atraer ás familias da vila, así como as de visitantes e turistas. Por este motivo, a obra do río Coroño contará cun rocódromo e parque infantil, así como distinto mobiliario. E, polo mesmo motivo, apostouse por ampliar o servizo que se presta dende un parque de caravanas destacado por organismos europeos.

Pegadas sobre o pasado

Cómpre salientar que o patrimonio tamén estivo presente nestas grandes actuacións, a través dos antigos muros e da ponte restaurados a ambas marxes do río Coroño. Mais a meta do goberno local é lograr algo máis que un paseo, pois búscase camiñar sobre o pasado e cultura do pobo boirense. Neste senso, no estuario do Coroño está prevista a recuperación etnográfica dunha antiga rampla de varada e de lavado de ouro, un proxecto que conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Seguindo a estela de pasear ao carón do patrimonio da vila, no 2019 continuarase avanzando na construción de dous paseos máis, o que bordeará o emblemático pazo de Goiáns dende O Coído -204.000 euros- e o de O Esteiro -144.000 euros-, este último aproveitando un proxecto de Costas que nunca se chegou a executar, pero do que o Concello conta cos terreos e fondos precisos.

Aínda así, o paseo sobre o que se alzará o impoñente edificio histórico e señorial estará complementado pola restauración do vetusto lagar e os galpóns anexos, un investimento de preto de máis de 300.000 euros. O obxectivo é o de converter a finca de Goiáns nun produto turístico uniforme e co seu propio percorrido para os visitantes.

Turismo e arqueoloxía

En materia de turismo, Boiro continúa a ser un referente na bisbarra co incremento de bandeiras azuis ata chegar ás sete -Barraña, Saltiño, Carragueiros, Retorta, Mañóns, Piñeirón e Ladeira de O Chazo-, así como o mantemento das tres Q de calidade, á que se sumou un sendeiro azul e un centro azul, o Centro Social de Boiro.

Os principais focos de acción estiveron pousados sobre a mellora da accesibilidade e dos servizos de areais coa instalación de aseos, cadeiras para persoas con mobilidade reducida ou de pasarelas. Puxéronse en valor miradoiros como o de Coto da Fiolla en A Figueira ou máis preto do centro, como o do alto da Magdalena. O fomento do deporte coa organización de campionatos nacionais de duatlón, voleibol, campus de fútbol ou o apoio á vela a través do CINA (Centro Internacional de Navegación de la Isla de Arousa) configurou outro atractivo turístico.

Nesta materia hai cifras que falan por si soas, xa que a estratexia náutica de visitar feiras internacionais como as de La Rochelle e South Hampton, así como integrar a ruta de cruceiros da Xunta, acabou por duplicar o número deste tipo de visitantes. Ademais, dende a apertura do Museo do Mar en maio ata o pasado mes xa pasaron un millar de persoas por este.

No Centro de Interpretación Arqueolóxica da Barbanza alcanzáronse as 4.000 visitas. Para entender isto hai que lembrar o financiamento de cada ano a investigadores que realizaron novos achádegos no castro de Neixón, descubrindo o seu pasado medieval, ou o apoio á USC nos xacementos de Moimenta -o máis rico en industria lítica de toda Galicia- e os da serra.

A obra do paseo do río Breiro permitiu que os boirenses gocen de paisaxes de vertixe. FOTO