Emilio Louro: «Os recursos que hai son suficientes para vivir aquí e para vivir ben»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

23 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No mundo do mar, Emilio Louro é sobradamente coñecido polo seu traballo na confraría de Lira e como membro de Lonxanet, pero o pasado verán decidiu abandonar a súa zona de confort para optar á alcaldía de Carnota.

-Vostede é un home de mar, ¿como foi o seu salto á política?

-Sempre tiven inquietudes con respecto á vida política municipal e esta vez os compañeiros animáronme a participar no proxecto do BNG como candidato. O apoio da asemblea local foi espectacular, así que estou moi satisfeito, agradecido e responsabilizado pola importancia da tarefa que queda por diante.

-Toma o relevo de Ramón Noceda, alcalde con maioría absoluta, ¿cre que iso pode ser unha vantaxe?

-Creo que nunhas eleccións nunca partes con vantaxe. É certo que hai unha bagaxe importante da labor do goberno municipal e do alcalde, que tivo unha tarefa difícil. Colleu o Concello nunha situación económica complicada e nun contexto de crise que non permitía facer investimentos, e aínda así logrou reducir a débeda e fóronse facendo cousas e prestando servizos nun tempo bastante complicado.

-BNG, PP e PSOE presentarán caras novas no seu cartel electoral, ¿engade iso incerteza á cita electoral de maio?

-O escenario electoral sempre está aberto, e é certo que o feito de que todos sexamos caras novas inflúe, pero detrás de cada candidato hai un equipo, non se trata só dunha persoa, isto é traballo de toda a militancia. O que hai que facer é explicar ben o proxecto que temos para Carnota e conseguir ilusionar á xente. Pola miña parte vai haber traballo e compromiso desde o minuto cero.

-¿Cales son os principais piares dese proxecto?

-Unha das premisas claras é presentar un proxecto que permita crer que é posible vivir en Carnota. Hai un claro declive demográfico e o que queremos é xerar a ilusión para apostar por Carnota e que a xente retorne, os recursos que hai son suficientes para vivir aquí e para vivir ben.

Louro contará no seu equipo con integrantes do actual goberno de Carnota.