Balbino González: «As mensaxes do goberno local son demasiado triunfalistas»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

23 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Balbino González ten por diante o reto de iniciar unha nova etapa no BNG de Porto do Son relevando a Ánxela Franco como cabeza de lista. O obxectivo é recuperar o respaldo electoral perdido, sabe que non será fácil, pero de ilusión e motivación anda sobrado.

 

-A súa predecesora como candidata é unha muller de carácter...

-Ánxela Franco deixa o listón moi alto, pero vai na lista e vai estar ao meu carón, e apórtame un apoio importante. É unha muller cunha ampla experiencia, prescindir dela sería como tirar peixe ao mar.

-¿Teñen xa avanzada a composición da lista?

-Estamos traballando niso. Haberá xente nova porque é importante sumar ideas, aínda que non é fácil conseguir que a xente se involucre na política e estamos agardando a que algunha das persoas coas que falamos se decidan. Queremos combinar a experiencia política con xente nova, con novas ideas que nos fagan estar cos pés na terra.

-Non ten experiencia política, ¿cre que o pode prexudicar?

-Creo que o non saber exactamente ao que te enfrontas che fai ser máis ousado. Eu chego con máis ilusión, e non ter experiencia tamén me motiva. Sei que é un reto e sei que Porto do Son está nun momento moi complicado. As mensaxes do goberno local son demasiado triunfalistas, o pobo está nun calexón sen saída, está todo moi parado, o comercio está nunha situación crítica, pechan ata os bares, houbo unha gran perda de poboación... O Son ten un desafío moi importante, non é cuestión de chegar e resolver a situación inmediatamente, é algo no que temos que traballar todos xuntos.

-¿Era necesario o cambio no BNG despois da importante caída de votos nas últimas eleccións?

-Os resultados do 2015 foron un pau, pero creo que iso se pode recuperar e que eu teño opcións de conseguilo.

-¿Aposta polo cambio no Son?

-Eu creo que se percibe que hai ganas de cambiar, nós imos buscalo, e con traballo e marcando o rumbo podemos logralo.

Balbino González concorre por primeira vez a unhas eleccións na lista do BNG.