A hora da cultura

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

23 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai chegando este tempo gris e húmido (tan necesario, por outra banda) e parece que as nosas vilas se sepultan nun período de recollemento, coma se vivísemos nun convento de clausura en decadencia. E, como é obvio, non estamos por esas. Hai que revolverse coma gatos bandullo arriba contra a inacción, o durmiñentismo e a parálise das nosas vilas.

Como pequenas comunidades do occidente galego, dificilmente podemos cambiar ese rumbo da economía global que constrúe megalópoles conectadas, como xa se recoñece internacionalmente ao eixo atlántico galego. O oeste é unha gran cidade na que non hai excesivas diferencias entre A Coruña, Vigo e Compostela, malia o pailanismo dalgúns alcaldes.

As estatísticas de gasto público galego dos últimos anos son evidentes. Desde o 2012, case de maneira inconsciente, os concellos de Galicia están a apostar máis pola cultura, especialmente nalgúns epígrafes coma o patrimonio cultural ou a organización de eventos. Outros, como as bibliotecas e o mundo da lectura, está desgrazadamente en caída libre.

Asfaltadas todas as pistas, con puntos de luz en todas as casas, con polideportivos, piscinas e centros de saúde, os concellos por fin parecen facerlle caso á cultura.

A nova tendencia desta década é mellorar a calidade de vida dos habitantes dos nosos concellos a través da cultura. É un dos mellores xeitos de crear a auténtica riqueza (a que ademais de económica é social e cultural) para o futuro. Aproveitemos esta onda que nos trae o mar do presente.