Barbanza, na exposición «Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra»

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

22 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizais en moitas ocasións non reparamos o que acontece ao noso redor e non o avaliamos como un fito histórico e deixamos pasar unha ocasión que non se repetirá no futuro e si o fai pode acontecer que xa non nos colla nas mesmas condicións que na actualidade... si é que nos colle.

Nestas datas está aberta a exposición Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra na Cidade da Cultura de Galicia, o que permitiu traer o cadro A derradeira leición do mestre, pertencente ao Centro Galicia de Bos Aires. Un fito histórico pois que, por primeira vez, pódese visitar no noso país. Algúns consideran que é o Guernica galego, aínda que Castelao non o fixera por cartos como Picasso; se non máis ben para denunciar o crime de Alexandre Bóveda, seu amigo íntimo e un dos pais do Estatuto de Autonomía de Galicia, e de 100 mestres máis asasinados na guerra do 1936 nas catro provincias galegas, tal como se recolle no catálogo da exposición con nomes, apelidos, escola onde exercía, concello onde o pasearon e idade que contaba no momento do magnicidio.

Hai nesta listaxe o nome de mestras que sufriron a ira asasina duns descerebrados que se centraron na eliminación física daqueles que se dedicaron a transmitir coñecemento e formación a uns nenos que serían o futuro do país.

Castelao Maxistral serve, logo, para situarnos diante da formación que se impartía na época. Unha educación para nenos, futuro dun país, deficiente e paternalista na maioría dos casos. Moito se avanzou con respecto a non fai tanto tempo. O regreso do lenzo de Castelao á terra, aínda que por tempo medido -regresará a Bos Aires en marzo do próximo ano-, cumpre a función de axudarnos a renegar da intolerancia, do enfrontamento entre irmáns e veciños, do seguimento a líderes políticos que prometen e logo non cumpren o prometido, do odio, da vinganza, do medo, da fame, da morte.

O Barbanza está presente nesta exposición, non só a través da obra de Castelao, se non que se poden observar os cadernos escolares do esgrevio poeta rianxeiro Manuel Antonio ou, por primeira vez, a explicación do que foi o suicidio de oito persoas -sete homes e unha muller-, máis sinistro da guerra civil; realizado no bou Eva amarrado no peirao de Vigo, onde os falanxistas achegaron un alxibe por unha das amuras para inundar a adega do barco. Primeiro con auga fría e logo con quente, o que levou a estes oito mártires a rematar coas súas propias vidas. Desta maneira evitaron a súa fuxida a Francia. Dous deles de Rianxo, os curmáns de Daniel, José Losada Castelao, mestre de 45 anos e Manuel Rodríguez Castelao, 31.

Non existe peor enfermidade que o esquecemento. Esta mostra sitúate nun lugar onde a memoria é necesaria preservala para que non se repitan os feitos acontecidos, polo que visitala é unha obriga.