Fernando Redondo: O sonense que fixo do vidro o seu lenzo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Os seus cristais decorados están repartidos por toda a xeografía galega

19 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os artistas do vidro tiveron no pasado gran importancia. Igrexas, pazos e case todos os edificios institucionais tiñan, como elemento decorativo, cristais nos que previamente foran plasmados debuxos. Ese auxe continuou e mesmo se estendeu para as vivendas na época do auxe do ladrillo. Consciente diso e tendo en conta a súa afección polo mundo da arte, Fernando Redondo decidiu converter a decoración de vidros na súa profesión. Aínda que coa crise, o traballo foi a menos, mantén en pé a firma que creou en San Pedro de Muro (Porto do Son): Artesán Vidreiras Artísticas.

Tivo como mestre, na súa primeira etapa, a un irmán que, despois de estudar Belas Artes, montou en Santiago un taller de vidreiras xunto cun socio: «Da súa man coñecín o proceso de elaboración e logo viaxei a Barcelona para asistir a uns cursos de pintura sobre vidro», explica. É que, segundo relata, os pasos a dar, aínda que mecánicos en certa medida, teñen algunha que outra complicación: «Hai que partir, como en todo proceso creativo, dunha idea, sobre a que se elabora o bocexo. A partir de aí faise un patrón sobre papel a escala real e despois hai que ir cortando os vidros das diferentes cores e formas que se precisan para o debuxo elixido».

O artesán sonense engade que, no seu caso, algunhas das pezas que emprega van pintadas, o que implica que teñen que se sometidas a un proceso de cocción nun forno. O ensamblado, coma se dun quebracabezas se tratara, o soldado con chumbo e o enmasillado, para que a composición quede dura e sexa impermeable, constitúen as fases definitivas.

Se tivera liberdade absoluta para crear vidreiras, Fernando Redondo non dubida en sinalar que se decantaría polos motivos abstractos e modernistas ou polas paisaxes; pero, á hora da verdade, adáptase ás encargas que recibe. Explica que, na época dourada do seu negocio, entre o 1995 e o 2010, ao redor do 70 % dos seus clientes eran particulares, mentres que o resto dos seus traballos ían parar a igrexas, edificios administrativos, bancos e mesmo tanatorios, entre outros.

Pasado e presente

As vidreiras, que na súa orixe se cinguían a representar escenas relixiosas nos templos, pasaron a ser un elemento decorativo máis: «Fan a mesma función ca un cristal, é dicir, cerrar espazos abertos deixando pasar a luz. Alí onde vai un cristal pode ir unha vidreira decorada». As que levan a marca Artesán están repartidas por diferentes puntos de Galicia. Conteñen algunhas, por exemplo, as casas consistoriais de Ribeira, Caldas de Reis e Moaña; o edificio da Brilat en Pontevedra; a sede do Banco de España de Ourense; as oficinas de Correos na Coruña ou a catedral ourensá.

No 2010, despois de que a crise chegara con forza, este sonense viuse obrigado a buscar unha actividade profesional complementaria e atopouna no eido do turismo náutico, aproveitando a titulación que tiña como patrón de embarcacións de pesca e de recreo. Con outros tres socios fundou Arousa Náutica, unha firma que oferta fundamentalmente viaxes de lecer e que funciona tamén como escola de navegación. Ao contrario do eido das vidreiras creativas, que foi de máis e menos nos últimos tempos, o do turismo náutico está espertando: «Si que parece que empeza a haber movemento, sobre todo ao redor do Parque Nacional das Illas Atlánticas».

Aínda así, Fernando Redondo mantén aberto o seu obradoiro de vidreiras, coa esperanza de que cheguen tempos mellores para arte: «Sei que me dedico a algo moi específico e que non está dentro das prioridades dunha nova construción, pero non me dou por rendido e sigo atendendo con ilusión os encargos que me van chegando».

Presenza na Rede. Os traballos do sonense pódense ver na páxina web www.vidrierasartesan.com.

Exposición. O artesán amosa as súas obras na casa de cultura de San Pedro de Muro. Estaba previsto que esta exposición concluíra a comezos desde mes, pero debido ao éxito, permanecerá ata o 2 de decembro.