Ana Blanco, Memoria Histórica, A Pousada e Manuel Olveira, novos finalistas aos premios Barbantia

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Maralla, Paisal, Terra de Outes, Blanca-Ana Roig e Clodio González volven ter outra oportunidade de levar un sereo da cultura

18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na penúltima curva antes da recta final do 2018, chegan, como cada novembro dende hai 11 anos, os premios da asociación Barbantia, que recoñecen o labor de entidades e persoas que se distinguiron en tres ámbitos da cultura: a traxectoria no Barbanza, a iniciativa na mesma comarca e a nivel galego. Polo tanto, a entidade que preside Manuel Cartea convida aos seus socios a posicionarse na terna de candidatos a facerse cos galardóns simbolizados por un sereo, que é a esfinxe que o colectivo adoptou como imaxe dende a súa fundación, representando á serra da Barbanza. Con este fin, os membros da entidade recibirán unha papeleta na que atoparán catro novidades: as incorporacións de Ana Blanco, A Pousada das Ánimas, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza e Manuel Olveira.

O método de votación é o de edicións anteriores: poñer unha xe na caixa que corresponda á persoa ou entidade pola que se decanta en cadansúa opción.

Nas tres categorías hai outros tantos candidatos: no premio á traxectoria cultural no Barbanza figuran a pintora María José Paz Franco, máis coñecida como Maralla; o músico Enrique Paisal e a activista cultural e vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, Ana Blanco.

No que atinxe ao galardón á iniciativa cultural no Barbanza, figuran a Asociación Cultural Terra de Outes, A Pousada das Ánimas e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Barbanza.

E no apartado da cultura galega están a filóloga Blanca-Ana Roig Rechou, o etnógrafo Clodio González Pérez e Manuel Olveira, artista e director do Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (Musac).

Procedemento

Os premios Barbantia emanan da masa social, xa que, na mesma convocatoria inclúese un apartado de suxestións de candidatos para a vindeira edición, tendo en conta que os dous que non saian elixidos nesta pasan automaticamente á seguinte, polo que só se incorpora un por modalidade.

Tamén hai un prazo para votar, que está aberto ata o próximo 1 de decembro, enviando a papeleta por correo electrónico á dirección barbantia@barbantia.es ou introducíndoa na urna que a entidade levará aos diferentes actos.

Tan pronto como se faga o escrutinio, a directiva poñerase en contacto cos elixidos para citalos para o acto de entrega dos sereos, que este ano desenvolverase o 15 de decembro no auditorio de Ribeira.

FINALISTAS SEREOS 2018

A pintora de Corrubedo ten unha longa traxectoria artística. Nas súas obras domina a inspiración de Balieiros.

Leva ás súas costas unha longa traxectoria musical, incluída a fundación de Los Tamara, a docencia e a dirección.

Rosalía de Castro marcou a vida desta mestra, que é vicepresidenta da fundación da poeta padronesa.

Fundada no ano 2005, a entidade desenvolve unha intensa programación cultural ao longo de todo o ano.

O establecemento de Boiro está considerado como unha sala de referencia musical en Galicia pola que pasan grandes artistas.

O colectivo sabe conxugar a súa condición reivindicativa co desenvolvemento de actividades culturais na bisbarra.

Directora da revista Elos, é filla dunha vila que zumega cultura, como Noia. É catedrática de literatura e investigadora.

O director da editorial Toxosoutos é un dos grandes expertos na etnografía galega, sobre a que ten feito importantes publicacións.

Pouco coñecido na súa terra, é un artista de Porto do Son que dirixe o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León.