Unha vila en constante evolución

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O municipio atópase inmerso en importantes proxectos para intentar mellorar a calidade de vida dos rianxeiros, ademais de reformar lugares emblemáticos como o Campo de Arriba

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecida por ser o lugar de nacemento de persoeiros ilustres, a vila de Rianxo pode presumir de ser moito máis que iso, xa que dispón de múltiples atractivos para percorrer as súas rúas e espazos naturais. O municipio barbancés non esquece o seu pasado, pero encara o futuro coa vista posta en importantes actuacións dirixidas a mellorar a calidade de vida dos veciños e conseguir ser un foco de atracción de máis visitantes.

A educación, a cultura, a natureza ou o saneamento son os eixes principais das actuacións que ten en marcha o Concello, que nos últimos meses levou a cabo un ambicioso proxecto para rehabilitar as antigas casas dos mestres para que pasen a ser patrimonio municipal. Nestes momentos, acaban de adxudicarse ?por 171.000 euros? as obras para reformar catro das 12 vivendas, uns traballos que comezarán nos vindeiros días e que contribuirán a revitalizar unha importante zona do centro de Rianxo.

Ademais, o goberno local xa solicitou á Consellería de Educación a cesión de outras seis vivendas deste conxunto de edificios, con obxectivo de que, cando saia unha nova convocatoria de axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para remodelar este tipo de residencias, xa estea toda a tramitación feita para poder optar a elas.

Escolas unitarias

Outra das liñas mestras que puxo en marcha o Concello tivo como obxectivo modernizar as oito escolas unitarias da vila, uns traballos que incluíron desde o reforzo de paredes e estruturas, ata a renovación das pezas de carpintería ou o saneamento. Máis de 500.000 euros se destinaron a esta actuación, unha partida de diñeiro conseguida a través dun creto que xa foi devolto grazas ao remanente do ano 2017.

Paralelamente, e tamén relacionado cos centros educativos, están a piques de licitarse as obras para instalar un parque infantil no colexio Castelao (por 48.380 euros), e a previsión é que estea listo antes de que finalice o ano. O Concello tamén xestionou unha subvención da Deputación para mellorar o patio cuberto do Brea Segade, e acaba de completarse o peche do colexio Ana María Diéguez de Asados, no que tamén se fixo unha pequena marquesiña para resgardar aos nenos cando chove. As obras de mellora tamén chegaron á escola infantil, onde se puxeron novos xogos, se cambiaron os vinilos e se mellorou a climatización. Aínda que sempre quedan cousas por facer, desde o Concello queren seguir traballando nesta dirección e amosar a súa implicación e compromiso coa educación.

Na modernización da vila non poderían faltar as actuacións encamiñadas a mellorar o saneamento, con obras que xa están proxectadas no Araño, Montegrande, Santa Lucía, Somoza ou Foxacos. A elas hai que engadir un ambicioso proxecto da Xunta presupostado en 14 millóns de euros que permitirá ampliar a depuradora, así como a instalación dun novo colector e un tanque de tormentas.

Sede da Policía Local

Outra actuación que tamén está en marcha é o remate das obras das novas instalacións para a Policía Local, uns traballos que levan un tempo parados e nos que agora se invisten 108.000 euros grazas ao Plan Único da Deputación que permitirán finalizar o proxecto.

Tamén haberá unha partida de 90.000 euros para levar a cabo unha reforma do cemiterio municipal, así como outra para dar un lavado de cara a un dos lugares máis emblemáticos de Rianxo: o Campo de Arriba. O Concello ten previsto instalar un novo chan, ademais de modernizar os sistemas de drenaxe e as canalizacións de pluviais.

O goberno local de Rianxo tamén quere dar un empuxón ao proxecto para instalar o futuro arquivo municipal no edificio que se atopa ao carón da casa consistorial e que na actualidade está sen uso. Cunha inxección de 180.000 euros realizaranse unha serie de melloras para que por fin poida ser unha realidade.

Nos próximos meses tamén se incrementará o número de parques infantís, ademais de mellorar varios dos existentes nas zonas da Torre, Brión, Buía e Quintáns. Ademais, xa se deron os primeiros pasos para construír un pequeno miradoiro de madeira no lugar das Trece Cruces, na parroquia de Isorna, unha actuación destinada a darlle máis valor a unha paraxe de excepción.