O patrimonio ponse en valor para dar a coñecer a rica herdanza cultural

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Realízase un esforzo constante por conservar e divulgar os valores propios

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ribeira / La Voz. Cando un escoita o nome de Rianxo, inmediatamente véñenlle á mente nomes esenciais do pensamento e da literatura como Castelao, Manuel Antonio ou Rafael Dieste. É o berce da rica herdanza cultural dos galegos e os seus veciños manteñen o impulso desas raíces, como demostran os integrantes de Airiños, a compañía de teatro máis antiga de Galicia que continúa en activo. Por iso, a conservación e a posta en valor do patrimonio constitúen un activo nas prioridades do Concello que capitanea Adolfo Muíños.

As intensas xestións realizadas para a musealización da casa de Rafael Dieste deron os seus froitos. Cunha achega de 190.000 da Deputación da Coruña xa se está a realizar o arranxo da vivenda familiar do escritor, garantindo a accesibilidade de quen desexe visitala. A planta baixa será unha sala de exposicións e a superior recreará o ambiente do fogar no que viviu Dieste. Haberá pezas destacadas, coma un piano, material bibliográfico integrado por primeiras edicións e ata un curioso cadro, feito con cabelos dos integrantes da casa.

O propósito é que, ao igual que ocorre coa de Manuel Antonio, se impulsen as visitas dos escolares, ademais das de veciños e visitantes.

Megalitismo

As intervencións do Concello sobre o patrimonio rianxeiro abranguen dende o legado máis recente ao de maior antigüidade, como acontece cos elementos megalíticos. Para manter en bo estado os petróglifos dos Mouchos chegouse a un acordo coa comunidade de montes para realizar limpezas periódicas, e o mesmo quere facerse co da Foxa Vella.

A intención é a creación dunha área arqueolóxica que abranga dende As Cunchas ata Burés. Tamén houbo intervención nos Campiños, onde se conservan seis mámoas. Outros lugares nos que hai proxectadas accións para revalorizar o patrimonio son o monte Picouto, onde a Administración local pediu autorización a Patrimonio para eliminar unhas árbores que están sobre unhas mámoas.

Nesta liña de intervencións deben incluírse as feitas no Castelo da Lúa. A entidade Deloa fixo unha achega que permitiu sacar á luz a estrutura.

Tamén aquí quere o Concello impulsar as visitas, polo que se farán labores de consolidación e repoñeranse uns paneis que servirán para dar a coñecer os últimos vestixios atopados, coma unhas pezas de cerámica e metal da época medieval.

As intervencións para conservar o legado recibido permiten a Rianxo avanzar cara o seu futuro sen perder de vista o pasado e, neste sentido, está en marcha un proxecto para dar maior pulo á figura de Castelao con novas propostas vinculadas ao autor e á súa vila natal e coa mente posta na Academia Literaria.

Os Campiños: Un espazo que se coida con mimo

No verán acometéronse labores de limpeza no espazo no que se atopan as mámoas dos Campiños, na parroquia de Leiro. O lugar está debidamente sinalizado para que os visitantes teñan as máximas facilidades.

Castelo da Lúa: Tarefas de consolidación

A última intervención efectuada no Castelo da Lúa permitiu sacar á superficie uns restos de cerámica e metal da Idade Media. Agora repoñeranse uns paneis para que os visitantes coñezan con exactitude a importancia o xacemento.

Os Mouchos: Plan de actuación constante

Periodicamente lévanse a cabo nos Mouchos actuacións de erradicación da maleza, o que permite que estes fantásticos petróglifos poidan verse de forma doada por parte dos visitantes.

Rafael Dieste: A musealización da casa está en marcha

Os traballos para converter en museo a vivenda do escritor xa comezaron e o Concello agarda que poidan estar rematados na vindeira primavera. A segunda planta reproducirá o fogar familiar.