Adolfo Muíños: «Estase empezando a ter en conta a Rianxo nos investimentos»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O mandatario rianxeiro é consciente de que as necesidades dos veciños nunca cesan, pero valora positivamente moitas das iniciativas que se teñen sacado adiante ata o momento

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Adolfo Muíños é un deses alcaldes aos que se lles nota a paixón polo seu concello, que se implica persoalmente en todo o que fai e que pon dedicación e incluso cariño en cada proxecto. Un pode estar máis ou menos de acordo coa súa xestión e poñer enriba da mesa as sombras destes últimos anos de mandato, como a demora na aprobación do planeamento urbanístico ou a tardanza en sacar adiante os orzamentos, pero non se pode negar o traballo realizado para conseguir unha estabilidade económica no Concello da que agora se empezan a ver os froitos en forma duns investimentos que durante moito tempo estiveron lonxe do alcance das arcas municipais.

¿Como definiría a xestión do seu goberno ao longo dos últimos anos?

Penso que é unha xestión positiva en canto a ir avanzando progresivamente en melloras importantes para o concello e que parte dunha situación económica de máis solvencia que permite afrontar novos proxectos. A iso tamén contribúe o bo ambiente que hai na corporación municipal, existe unha actitude de diálogo e disposición para resolver os problemas e sacar adiante iniciativas.

Citaba a situación económica municipal, ¿chegouse a un punto de estabilidade?

Si hai unha certa estabilidade, e incluso unha mellora progresiva que fai que, de ser un concello cun nivel de débeda importantísimo que fixo que só puideramos acceder a axudas financiadas ao 100 % por outras Administracións, pasamos a poder dispor de recursos propios para cofinanciar as novas actuacións. Tamén se produciu un cambio de escenario na Deputación coa creación do Plan Único, que dá ferramentas aos concellos para facer cousas e distribúen os recursos en base a uns criterios obxectivos. Aumentou moitísimo a cantidade que provén da Deputación, foi un cambio bestial e no caso de Rianxo supón entre 900.000 e un millón de euros ao ano. Dispoñer destas ferramentas a día de hoxe é moi importante para os concellos, e é o que reclamamos á Xunta, un plan único para o reparto dos recursos máis eficaz e transparente, que se diminúan as subvencións e se incrementen os fondos directos concedidos cuns criterios obxectivos.

Entre as actuacións ás que Rianxo pode ter acceso neste momento grazas a unha maior capacidade económica destacan proxectos de carácter social como a rehabilitación das casas dos mestres para vivendas sociais.

O das casas dos mestres é un proxecto moi agardado e moi querido que vén a resolver unha carencia moi importante de vivendas de emerxencia social. Son construcións que ía acabar caendo soas que agora van ter unha segunda vida e que resolven un problema concreto. Máis alá do volume, polo menos agora imos ter un recurso para saír ao paso da situación de familias con carencias. Esperamos que esta iniciativa teña continuidade e poidamos habilitar oito vivendas e catro baixos destinados a usos sociais e dotacionais.

¿Que outros proxectos queridos ten o alcalde de Rianxo?

Queridos son todos, pero outra actuación que levamos tempo agardando é a substitución das luminarias. É un proxecto importante que suporá o cambio do 60 ou 70 % das luminarias a led e boa parte dos cadros de iluminación. Estamos á espera de que se concrete a subvención para levalo a cabo, o investimento vai a un millón de euros. Algún outro proxecto que nos gustou especialmente ten que ver co saneamento e foi empezar a traballar con depuradoras autónomas, xa se instalou unha en Cerqueiras e agardamos poder iniciar en breve unha actuación similar en Foxacos. Os dous obradoiros de emprego que temos en marcha tamén son importantes, porque entre alumnos e profesorado permitiron contratar a 40 persoas, e tamén estamos traballando para arranxar a biblioteca con cargo ao 1,5 % cultural do Ministerio de Fomento.

¿E que queda por facer?

Queda un mundo de traballo por facer. Hai unha necesidade constante de investir na rede de saneamento para chegar ao 100 % dos fogares, e cando rematemos será necesario facer unha aposta pola mellora dos accesos aos núcleos rurais. Hai que ir dosificando os recursos, aínda que neste sentido é positivo que se está empezando a ter en conta a Rianxo nos investimentos doutras Administracións. O máis destacado é o do saneamento, neste momento é a inversión máis importante da Xunta na ría. É un cambio porque tivemos momentos moi amolados en canto a axudas doutros gobernos.

Unha materia que segue pendente despois de anos de trámite é a aprobación do plan xeral, ¿cales son as perspectivas para a súa aprobación? ¿Acabará saíndo adiante?

A expectativa é que cheguemos antes de que acabe o mandato. Dispoñemos da práctica totalidade dos informes doutras Administracións, o traballo técnico de contestación das alegación está feito e a tarefa que queda por facer é moito menor.

A tramitación do plan comezou xa no anterior mandato, ¿a que se debe o retraso? ¿Tivo a culpa a nova Lei do Solo?

A Lei do Solo ralentizou o proceso, pero o feito de ter o plan aprobado inicialmente cando entrou en vigor axudou, deuse por válido moito traballo feito, non houbo que partir de cero e agora o plan está moi encamiñado e nos vindeiros meses sairá para a Xunta.