Pilar Rodríguez: «As librarías temos futuro, pero é incerto e difícil»

BARBANZA

EDUARDO PEREZ

Leva seis anos á fronte da Federación de Libreiros de Galicia, unha entidade que busca, como tantas outras, facer forza a través da unión

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xestiona dúas librarías, polo que coñece de primeira man a situación do sector; pero ademais, Pilar Rodríguez leva seis anos á fronte da Federación de Libreiros de Galicia, unha entidade que busca, como tantas outras, facer forza a través da unión. No seu caso, agrupa a preto de 200 negocios dedicados á venta de libros. Asegura que hoxe, máis ca nunca, é precisa esa alianza para afrontar un futuro que se presenta cheo de incertezas.

¿Que análise fai da situación do sector en Galicia?

Non estamos atravesando un bo momento, pois temos competencia por todas partes, que incluso nos chega desde o estranxeiro. Lese pouco e mércanse poucos libros. En Galicia axudaba moito a comercialización de libros de texto, pero cos novos plans da Xunta estanse a eliminar e nos últimos anos víronse notablemente reducidos os ingresos por esta vía. Pódese dicir que estamos sobrevivindo.

¿É Internet o gran problema do sector?

Os problemas nacen de aí, da compra a través da Rede. A xente, facendo uso da súa liberdade, utiliza métodos que van ser prexudiciais para todos. Os escritores, se non poden cobrar, van deixar de escribir. Pero, o que está claro, é que non lle podemos poñer portas ao campo.

¿Por onde pasa a solución?

É imposible sabelo. O que ten que ter claro a xente é que cando dá un clic está destruíndo postos de traballo e contribuíndo á desaparición de negocios. Penso que estamos metidos nun círculo do que non somos conscientes.

Pero algo ofrecerá Internet que os consumidores non atopan nas librarías.

O que ofrece é comodidade. Eu non culpo á xente, porque os cidadáns fan uso da súa liberdade. O que digo é que o discurso de que hai que modernizar o comercio non é válido para as librarías. Non vexo doada unha solución, pois contra esa comodidade de mercar desde a casa cun simple clic non se pode loitar.

Algo se poderá facer para incentivar a lectura...

Si que se poden tomar medidas neste sentido, pero xa se está facendo. Hai campañas de animación á lectura de forma continua, o que pasa é que ler tamén supón un traballo. É un costume que hai que fomentar desde pequeno e hai que ter en conta que un país que le é un país que pensa.

¿Pode que non interese entón que a xente lea?

Eu téñoo clarísimo. O que está sucedendo non se conseguiu dun día para outro. Hai tempo que os plans de estudos non priman a lectura.

Pola análise que fai do presente xa deixa clara a súa visión de futuro, ¿será tan negro como pinta?

As librarías temos futuro, pero é incerto e difícil, e moitos negocios non poderán estar porque non hai sitio para todos. Sería pouco esperanzador que dixeramos o contrario, pero é un futuro complicado, xa que o mercado estase reducindo día tras día.

¿Non se percibe un auxe da literatura infantil e xuvenil?

Agora mesmo si, pero hai que ver o que ocorre no futuro. Iso pasa porque en Galicia temos a sorte de contar con moi bos ilustradores e grandes escritores. Agora tamén está en auxe a literatura fantástica, que hai uns anos era unha descoñecida. O problema que temos agora mesmo é que vai todo tan rápido que o que hoxe serve mañá quedará obsoleto. O difícil é determinar que é o que lle vai a interesar ao público a curto prazo. E un libro non se fai dun día para outro.

O que parece demostrado é que o libro electrónico non causou tanto dano.

Non, pensamos que o libro electrónico xa tocou teito. Hai volumes, coma os dicionarios ou libros especializados en determinadas materias, que non teñen sentido en formato papel; pero tamén é evidente que non se pode ver nunha pantalla un libro ilustrado infantil.

Diante desta grave situación, ¿que pode facer a federación?

O noso fin é defender os intereses do sector, sobre todo diante das administracións. Xuntos podemos conseguir algo, por separado non chegaremos a ningún sitio.