Os músicos de Galicia lembran a Felipe Paz en Rianxo

La Voz

BARBANZA

carmela queijeiro

As pezas do noiés volverán a soar, ao tempo que se exhibirán partituras súas e diversos utensilios

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai aproximadamente un ano tiña lugar en Rianxo a primeira xuntanza dunha asociación que reunía a musicólogos e mestres de música de toda Galicia. Daquel encontro xurdía a Irmandade da Música Galega, unha entidade que é a organizadora das xornadas que este fin de semana arrancan en Rianxo co fin de renderlle homenaxe a Felipe Paz Carbajal, coincidindo co centenario do seu falecemento.

O coordinador da actividade, José Luís do Pico Orjais, explicou onte que un dos motivos polos que se elixiu ao compositor de Noia, ademais de pola súa indiscutible relevancia, foi pola gran cantidade de partituras inéditas súas que se conservan no fondo de música de Rianxo, entre as que se atopan varias comparsas: «Felipe Paz tiña conexión cun dos grandes intelectuais rianxeiros, Arcos Moldes, e xuntos elaboraban temas para o entroido».

Boa parte desas partituras exhibiranse a partir de mañá no auditorio de Rianxo. Xunto a elas amosaranse outras de estilos moi diversos, como obras de carácter relixioso, outra das temática preferidas do noiés, que era organista no templo de San Martiño.

A exposición, que será inaugurada oficialmente ás 19.15 horas, completarase con pezas que foron cedidas por Sebastián Paz, neto do homenaxeado, entre as que se atopan fotografías, diplomas ou unha batuta de prata. No acto haberá unha intervención musical a cargo do propio Orjais e de Mar&Nine.

Previamente, ás 18.00 horas, abrirán as xornadas Sebastián Paz e Fernando López Acuña, que ofrecerán unha conferencia sobre a traxectoria profesional e vital do músico de Noia.

E, como colofón desta primeira xornada, a Banda da Escola de Música de Rianxo deleitará ao público cun concerto. Baixo a dirección de Rafael Collazo, a formación interpretará un repertorio de temas en galego de principios do século XX. Orjais explicou que con estas actividades tamén se quere conmemorar o centenario do manifesto da asemblea de Lugo das Irmandades da Fala, de 1918: «Queremos reivindicar a cultura galega e a música como elemento histórico».

Concerto de piano

As actividades, que serán presentadas pola actriz Tero Rodríguez, terán continuidade o vindeiro fin de semana, cun novo concerto, nesta ocasión a cargo do pianista Alejo Amoedo. José Luís do Pico comentou que, neste caso, o repertorio que poderá escoitar o público está integrado por partituras que forman parte do fondo de música local.

Para a organización destas xornadas, a Irmandade da Música Galega conta coa colaboración do Concello. En representación do executivo local, onte acudiron á presentación das actividades o rexedor, Adolfo Muíños, e a concelleira de Cultura, Raquel Abuín. Tamén estaba no acto Rafael Collazo, director da escola de música.