José Mariano Lago: «Os mariñeiros comprometéronse a vender na lonxa para evitar o peche»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

jorge parri

Liquidar a débeda contraída antes da súa chegada á dirección é unha das maiores preocupacións

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten unha longa traxectoria no mundo do mar, pero ata hai catro anos nunca pensara en tomar as rendas da entidade. José Mariano Lago Louro asegura que a súa prioridade é sacar adiante a confraría e destaca a implicación de tódolos socios.

-A confraría atravesou por momentos moi difíciles. Como está agora a situación?

-Coas vendas que temos agora e coas axudas que chegan da Xunta e da Deputación, dános para subsistir. O problema que temos é a débeda que arrastramos do período anterior. Cando eu asumín o cargo no 2014 había 180.000 euros pendentes de pago, unha cifra que logramos rebaixar ata os 75.000 euros actuais. Eu agardo que acabará de saldarse nos vindeiros catro anos. Foi unha situación dura porque a confraría corría o risco de pechar, porque non había produto para vender e os compradores deixaron de vir.

-Como conseguiron darlle a volta á situación?

-Os mariñeiros comprometéronse a vender na lonxa para evitar o peche. Eles implicáronse para sacar a flote a entidade. Sen o seu apoio non fariamos nada. Anteriormente deixaran de traer os seus produtos á rula, pero agora volven facelo. Tamén temos a un grupo de mulleres que se encargan de procesar as capturas de Polbo de Lonxa para a empresa Pulponor, que o distribúe por toda España. Ese labor tamén reporta uns ingresos á entidade.

-Pensaron en diversificar as vendas, en ampliar a oferta?

-A maioría das embarcacións de Lira dedícanse á captura de polbo. O bo prezo que está a ter é unha axuda moi grande, porque permítenos ter ingresos. Non obstante este ano, por vez primeira que eu recorde na historia da lonxa, empezouse a vender peixe. Ata agora tiñamos percebe, nécora, pero sumamos robaliza, maragota, raia. En definitiva, peixe da frota que vai cos aparellos. Ofertábaselles aos compradores e a verdade é que logramos prezos moi bos. Agora, cando comece a campaña da centola, tamén se comercializará aquí. Ata o ano pasado, os mariñeiros desprazábanse ata Muros.

-Hai posibilidade de ampliar o procesado de produtos, como se fai co polbo?

-Precisamente, hai un establecemento que compra na lonxa e que tamén comercializa produtos por Internet. Falounos da posibilidade de que procesásemos o que distribúe, como o chopo ou o polbo. Nós non temos ningún problema, todo o contrario. Ademais, podería entrar a traballar máis xente e iso derivaría en máis ingresos para o pósito. Eu considero que todo isto repercute en beneficio da entidade, pero tamén axuda a todo o municipio de Carnota.