Novo salto musical desde a sala Nasmo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O grupo Lisdexia xurdido dos locais de ensaio de Muros vén de publicar o seu primeiro disco

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai acontecementos que axudan a converter unha localidade nun fervedoiro creativo. En Muros, ese punto de inflexión chegou coa posta en funcionamento da sala Nasmo. Situada nas dependencias da antiga escola unitaria da Ponte da Braña, a instalación permítelle aos grupos emerxentes de música dispoñer de locais de ensaio, aula de informática e un estudo de gravación completamente equipado. No interior deste espazo cobraba forma, hai xa tres anos, Lisdexia, unha banda que vén de dar o salto definitivo mediante o lanzamento do seu primeiro traballo discográfico.

Chejar e encher é o título co que foi bautizado o disco. Integrado por sete temas, ve a luz despois de catro intensos meses de traballo no estudo, un proceso que serviu de colofón aos concertos que a formación ofreceu en citas tan importantes coma o Festival Rockin’Vila, Amovida Fest ou a cita local Castelo Rock. Cinco mozos, todos eles do territorio muradán, integran esta prometedora banda. Fran Trillo (voz) e Fran Lestón (guitarra) son os impulsores deste proxecto e conseguiron involucrar na aventura a Ángel Lestón (baixo), Chema Caamaño (batería) e Javier Fernández (guitarra).

Ademais de poñerlles voz, Fran Trillo é o artífice das letras, que adornan con música tódolos integrantes da banda: «Cando nos reunimos nos ensaios ímoslle dando forma á parte musical dos temas entre todos», explica Chema Caamaño. Engade que as cancións que conforman este primeiro disco da banda enmárcanse no estilo punk pop e, polas temáticas que tratan, poderían situarse no eido da crítica social: «Falan da situación actual do país. Aínda que non dicimos nada concreto en contra de ninguén, tampouco quixemos arriscar demasiado, xa que non está o panorama como para crear polémica».

Compromiso co galego

Lonxe de ser eixo dun conflito, os membros de Lisdexia teñen claro que coa súa música queren crear ambiente de festa e divertimento, tratando de conseguir que as letras e os ritmos sexan lembrados polo público unha vez rematado o concerto. A formación tamén busca, con este primeiro traballo discográfico, defender a lingua do país, polo que optou por empregar o galego en tódalas cancións.

Completado o proceso de gravación e de lanzamento do disco, que xa foi presentado nun concerto que tivo lugar hai uns días en Negreira, a banda está xa mergullada na fase de promoción: «Estamos tratando de encaixar datas para ofrecer algún concerto en Muros e mantemos contactos con algunha sala de Santiago para actuar alí. Ademais, estamos enviando material a diferentes festivais», explica Chema Caamaño. Os integrantes desta formación, todos alumnos da Escola de Música Municipal de Muros ou do conservatorio Felipe Paz Carbajal de Noia, están actualmente compaxinando os estudos con esta carreira musical na que tratan de abrirse camiño, pero queren dedicar as vacacións a intensificar as actuacións co fin de chegar ao público: «Queremos armar unha pequena xira», comenta o batería.

Estes cinco mozos aspiran a que o nome de Lisdexia sexa coñecido en toda a comarca e mesmo traspase fronteiras, unha denominación da que Chema Caamaño explica a procedencia: «Un día, nun ensaio, un dos compoñentes dixo unha palabra alterando a orde das sílabas e outro referiuse ao problema que parecía ter como lisdexia na contra de dislexia e xa quedou o nome para o grupo».

Desde esta banda que comeza con forza e ilusión unha nova etapa, destacan a importancia que para eles tivo a sala Nasmo: «Gústanos traballar alí polas facilidades que nos dan». De feito, a axuda de Juan Figueiras, o director da sala, foi fundamental, xa que é o técnico de gravación do disco. Chema Caamaño sostén que sen este local, o panorama musical de Muros estaría case deserto.

Os integrantes. O grupo Lisdexia está formado polos muradáns Fran Trillo, Fran Lestón, Ángel Lestón, Chema Caamaño e Javier Fernández.

O disco. O traballo titúlase Chejar e encher, e está integrado por sete temas.