José Antonio Santamaría: «O marisqueo era antes o pan do inverno, pero a ameixa foi a menos»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Afronta o seu segundo mandato como patrón maior co propósito de manter o superávit da entidade pesqueira

08 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os máis de 30 anos que leva traballando no mar proporciónanlle unha valiosa experiencia para afrontar novos retos e para analizar os cambios que se están a rexistrar. José Santamaría Sampedro acaba de iniciar o seu segundo período como patrón maior de Aguiño e indica que as finanzas da confraría constitúen un dos aspectos esenciais.

-¿Cales son os seus principais retos para estes catro anos?

-O primordial é manter a confraría con superávit e intentar resolver os problemas que se presenten. Se á entidade lle vai ben iralle ben aos socios. Hai que buscar o equilibrio.

-Os prezos do marisco varían moito e dependen da situación do mercado, ¿como pensan garantir os ingresos?

-Temos que facer o posible para que o produto acade maior valor, ampliar a comercialización. A Festa do Percebe é moi positiva para dar a coñecer o crustáceo de Aguiño e tamén hai que buscar outras formas de promoción.

-¿Pensaron en acudir a feiras ou en lograr un selo distintivo?

-É unha das alternativas que barallamos, pero hai que analizalo. En canto ao selo, a entidade está en PescadeRías, que é unha garantía. O noso percebe coñécese no mercado, aínda que non hai dúbida de que ter unha identificación distintiva pode axudar. Agora ben, eu penso que demasiadas etiquetas poden chegar a confundir ao consumidor.

-Nos últimos tempos, vostede expresou a preocupación polo descenso na produción de bivalvo.

-A ameixa babosa foi descendendo, ben sexa polo cambio nas condicións climatolóxicas ou pola calidade das augas. Nós probamos de distintas maneiras e cada ano facemos sementeiras. Observamos que hai melloría, pero pouca. O marisqueo era antes o pan do inverno, pero a ameixa foi a menos. O fenómeno coa ameixa babosa aféctalle tamén a outras confrarías da ría.

-¿Que pensan facer?

-No entorno da illa de Sálvora conseguimos os permisos para sementar, así como unha subvención. Imos facer labrados e continuaremos insistindo. É moi importante diversificar a actividade. Continuaremos cos traballos de rexeneración, a ver se pouco a pouco se ven máis os resultados.

-A nivel de instalacións portuarias, ¿cales son as demandas do pósito que dirixe?

-Considero que falta axilidade por parte de Portos á hora de tramitar os arranxos, especialmente os de menor calado. Na confraría levamos tempo a voltas cos problemas coa instalación eléctrica, que é insuficiente para a potencia que temos instalada. Na Xunta dixeron que está todo aprobado, pero agora non sabemos canto tempo tardarán en materializar a obra.