María del Carmen Alborés: Unha escritora de pequenas doses

Ten medio millar de pequenos relatos que camiñan entre a historia e a ficción


ribeira / la voz

Naceu no Freixo e, ao longo dos 67 anos que ten, María del Carmen Alborés foi acumulando coñecementos e experiencias que agora expulsa en forma de pequenos relatos. A escrita é unha das varias afeccións coas que trata de sacarlle partido ao tempo libre que lle deixa a etapa dourada da xubilación. Estudar e colaborar con organizacións humanitarias son outras das tarefas que esta barbancesa residente na cidade compostelá ten na súa axenda diaria. Asegura que todas as actividades son boas para matar as horas, pero confésase especialmente enganchada á confección de relatos curtos e mesmo ten un grupo de fieis seguidores.

Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e antiga mestra de educación secundaria, Alborés explica que empezou a escribir empuxada pola xente que a rodeaba: «Como vían que non se me daba de todo mal, pedíanme que lles fixera textos para ocasións especiais, como homenaxes ou despedidas». Pouco a pouco foise afeccionando a ese arte de xuntar letras e empezou a darlle forma a pequenos relatos. Aínda que non lle importa o tema, xa que pode con calquera, ten as súas predileccións: «Gústame moito a historia e tamén escribir sobre a xente maior, reivindicar as inxustizas que se cometen con este colectivo, sobre todo a nivel de abusos e malos tratos».

María del Carmen Alborés foise facendo cunha colección propia de pequenas historias. Non se parou a contalas, pero pensa que ten máis de cincocentas. Entre as súas preferidas está Las parcas acechan, coa que gañou o certame de relatos de La Voz de Galicia no ano 2015. Para ela foi unha gran satisfacción ver o seu texto publicado no xornal, aínda que asegura que, nese sentido, non ten pretensións: «A estas alturas da miña vida, o que me gusta é que a xente lea as miñas historias». Conta, de feito, cun grupo de seguidores. Son medio cento de persoas que, a través do correo electrónico, reciben cada relato que ela crea en canto lle coloca o punto e final: «Vese que lles gustan, porque cando tardo en enviar o seguinte, xa mo están reclamando».

Estilo literario

Alborés está convencida de que o segredo do seu éxito radica na súa teima por manter o suspense ata o final da historia: «Realmente, a xente é incapaz de saber de que vai o texto ata o final. Por exemplo, un deles é unha conversa entre varias persoas, unhas ás que están retratando para un cadro e outras que quedan fóra da escena. Ao final descóbrese que se trata dos personaxes de Las meninas. Gústame mesturar realidade e ficción, introducindo elementos de carácter histórico».

É incapaz de determinar de onde lle vén esta paixón pola escrita ou cando naceu nela a afección, pero está segura que en algo tiveron que ver as monxas xesuítas do colexio María Assumpta de Noia, no que estivo interna de nena: «Empecei alí xusto cando chegaron as monxas. Eramos poucas e recibimos unha educación distinta á da época, nos anos 60». Vivían nun pazo, onde funcionou o colexio na súa primeira etapa, e corrían libremente por inmensos xardíns. A maiores, gozaban dun amplo abano de actividades lúdicas: «Lembro que nos levaron a subir o monte Louro, estivemos en Lira de acampada, durmindo en tendas de campaña do exército, e mesmo fomos mariscar á praia de Testal».

Aquela infancia entre Noia e O Freixo tamén está moi presente nos relatos de María del Carmen Alborés: «En algúns fago referencia ao meu bisavó, que era carpinteiro de ribeira». Escribindo, faille fronte a unha soidade que, segundo ela mesma di, a esmaga. Tanto é así, que busca tarefas para seguir entretida cando deixa de lado as letras. É voluntaria no Museo do Pobo Galego, forma parte da asociación O Galo, colabora coa organización humanitaria Fisc (Fundación Internacional de Solidaridad Compañía de María) -mesmo foi durante moito tempo a delegada en Santiago de Mans Unidas-, e regresou á universidade a través do cuarto ciclo, o dirixido a persoas maiores.

«Gústame mesturar realidade e ficción, introducindo elementos de carácter histórico»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

María del Carmen Alborés: Unha escritora de pequenas doses