Santiago Cruz: «Non chega con recoller o marisco, hai que darlle valor engadido»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O dirixente da entidade afirma que nos últimos catro anos avanzouse moito na difusión do berberecho

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva 17 anos como patrón maior e acaba de revalidar o cargo por outros catro anos, Santiago Cruz afirma que decidiu presentarse para manter a xestión que se leva feita ata agora e porque o animaron os mariscadores .

-A confraría de Noia é un referente en moitos aspectos, ¿cal é o vindeiro reto?

-Queremos seguir nesta liña. Estamos dando a coñecer o berberecho coa asistencia a feiras en Madrid, Barcelona, Bruxelas, ao tempo que facemos as xornadas de exaltación. Nos últimos catro anos avanzouse moito na difusión do molusco.

-Co apoio do GALP 4 impulsan o proxecto Valober para a diferenciación xenética do berberecho galego, ¿que aportará esa diferenciación?

-Será unha garantía de que se está a consumir un produto autóctono e servirá para a súa diferenciación fronte ao foráneo, que moitas veces ofrécese como galego. Hai etiquetaxes nas que se fai referencia ás rías galegas, pero son enganosas porque non en todos os casos a materia prima procede das nosas rías. Non chega con recoller o marisco, hai que darlle valor engadido. Hai conserveiras que están collendo o noso produto porque é garantía de calidade. Empresas de Barcelona, Madrid ou Murcia piden o molusco.

-¿Barallaron buscar novos mercados ou, incluso, procesar o molusco?

-Eu penso que nun futuro virán industrias de fóra para mercalo. Por agora, o que buscamos e acadar o maior número de compradores e dalo a coñecer para que teña demanda. Montar unha fábrica é complexo e require unha gran inversión. Estamos contentos co prezo e a demanda, senón fora así si que nos marcaríamos outros obxectivos. As cousas que van mal desbotámolas e as que funcionan impulsámolas máis. O éxito que está a acadar a nosa confraría é de todo o equipo, dende os mariscadores ata o persoal das oficinas.

-¿Que pensa cando escoita a palabra marteilia?

-Solo oír o nome ponme nervioso, despois de ver o que sucedeu nas outras rías, nas que acabou co berberecho. Sería unha das peores cousas que nos podería pasar, que entrara aquí. Por iso nos non traemos ningún molusco de fóra, resulta moi perigoso.

-O berberecho é o bivalvo estrela, ¿teñen intención de impulsar outros como a ostra, xa que xestionan un dos poucos bancos en Galicia na que se conserva a especie autóctona?

-Estamos abertos a dar a coñecer outras especies que saen das nosas concesións, como a ameixa. No caso da ostra, vanse facer mostraxes en breve para ver se é posible abrir as concesións a finais deste mes. A temporada pasada non se recolleu porque había pouca e era pequena. Este ano houbo moitas algas e pode que lle prexudicara. Hai 30 embarcacións que teñen permex para ir a ela e, se abrimos, sería durante un período curto. A nosa intención tamén é dala a coñecer nas feiras porque, efectivamente, somos unha das únicas confrarías que a ten.

-¿Sería posible incrementar a súa produción?

-Resulta difícil garantir unha campaña de ostra cada ano. Antes sementabámola, cando tiñamos a zona de cría aberta, pero tampouco había grandes cantidades. Agora estamos a expensas de obter unha certificación para poder poñelo en marcha de novo, tanto para a ostra como para outras especies.