Juan Carlos Brión: «Estou convencido de que o deporte forxa unha sociedade mellor»

O que foi director deportivo da entidade ribeirense fixo un repaso de 25 anos de esforzos e éxitos


ribeira / la voz

Para poder comprender as claves do que levou ao Club Natación Ribeira a converterse nunha entidade referente a nivel nacional, hai que acudir a quen estivo dende o comezo loitando por construír un proxecto que, nun cuarto de século, suma máis de 120 medallas estatais, forxando campións europeos e ata a primeira olímpica da cidade. As respostas pasan por Juan Carlos Brión, o seu histórico director deportivo, que se despediu o pasado domingo do cargo, pero fixo balance de 25 anos de esforzos e éxitos.

-¿Como foron os comezos da natación en Ribeira?

-En 1991 acabábanse de inaugurar as instalacións e vimos a posibilidade de crear unha escola de natación. Os principios foron difíciles, nesa década tiñamos os ollos moi pechados e o primeiro que tivemos que facer foi inculcar a cultura deportiva para involucrar á xente. Naquel momento o Concello puxo en marcha unha campaña escolar que foi vital. ¿Por que? Porque críamos que o mellor fomento era empezar polos rapaces e chegamos a contar con 1.100, todos os colexios.

-¿Aquela foi a semente do club?

-Si, pero catro anos máis tarde, un sindicato que non vou mencionar denunciou que non se podía cobrar [tiña un custe de 200 pesetas] por actividades en horario lectivo. Foi unha mágoa porque non todos os rapaces da cidade ían ter a oportunidade de coñecer A Fieiteira. Sen embargo, os nenos que destacaban foron entrando en cursos de perfeccionamento, e en 1993 nacía o club. Sentiámonos uns privilexiados e buscamos darlle máis visibilidade a través da competición.

-¿E chegaron os triunfos?

-Os resultados chegaron relativamente moi cedo. En 1998, en só cinco anos, Álvaro Reiriz convertíase no primeiro medallista nacional do club en Huesca. Foi o primeiro de 17 que suman máis de 120 medallas, sen contar os oito internacionais que vestiron as cores da selección española. Non hai ningún equipo en Galicia que teña tantas vitorias en probas internacionais. Quizais a única espiña sexa que nunca chegamos a ser campións galegos absolutos.

-¿Cando fixa o punto de madureza do Natación Ribeira?

-No 2002 produciuse o bum do club a nivel de maior captación. Conseguimos unha serie de rapaces cun potencial enorme. A miña labor e a de todos os técnicos foi a de amosarlles un camiño, fixándolles obxectivos sinxelos de alcanzar para que se motivasen a superar novos retos. A xente nunca se decatou do que facíamos, como cidade e como club, sempre estivemos por encima das nosas posibilidades. Cando todo o mundo nos comezaba a mirar e preguntaban: «¿Como o facedes?», a resposta estaba clara; compromiso e ilusión.

-Nadaban con filosofía.

-Estou convencido de que o deporte forxa unha sociedade mellor. Antes que ser deportista teño que ser persoa ou aprender a felicitar ao rival cando gaña. Esta foi a clase de filosofía que inculcamos xunto á disciplina, o traballo e o respecto. É certo que ao podio só se poden subir tres, mais todos se sentían protagonistas e partícipes dos triunfos. Por iso, sempre lle dei máis valor á persoa que melloraba unha marca, aínda que quedase undécimo, fronte ao que gañaba.

-¿Como foi ver nacer o fenómeno María Vilas? ¿Como cre que será lembrada no futuro?

-Con 6 anos nadaba unha braza que rozaba a perfección e tiñamos que freala para non acelerar o seu progreso, sempre quería máis. Nós apostamos por comezar a homenaxeala cun campus. Temos que estar orgullosos de ter unha olímpica, un fito histórico, e creo que o seu nome debería figurar nalgún lugar da Fieiteira e non quedarse só nunha acta de protocolo.

«O Club Natación Ribeira foi toda a miña vida»

Juan Carlos Brión entregouse ao Club Natación Ribeira e aos seus integrantes en corpo e alma. Levantarse ás seis da mañá para facerse 30 quilómetros e recoller aos rapaces por todo o municipio, para así levalos a adestrar e despois deixalos no instituto, só é un dos exemplos.

-¿Con que se queda de todo o vivido este cuarto de século?

-Quédome co que eu lle puiden axudar no seu momento aos rapaces, se tiñan algún problema cos estudos ou na casa. Poden preguntarlle a calquera, creo que os mellores momentos que pasamos foron cando íamos de concentración, porque quería coñecer como eran eles fóra do entorno familiar, como se desenvolvían cos compañeiros. Moitos chegáronme a dicir que era como un pai para eles. E eu trateinos como aos meus fillos.

-¿Houbo malos momentos?

-Creo que no 2014 cometeuse un erro suprimindo a natación escolar. No 2013 tiven a desgraza de ter que someterme a un transplante de medula e sempre penso que se estivera eu no tería sido tan doado. Para min foi un fracaso, pero no 2015 propuxen asumilo cos fondos do club, aínda que non fose competencia nosa.

-¿Cales cre que son as ameazas para a entidade e os vindeiros retos que deberá afrontar?

-O apoio do Concello sempre foi esencial, pero a privatización parcial do 2016 foi demoledora. O nivel de traballo mudou radicalmente, a ensinanza quedou nun plano utilitario e foise abandonando o perfeccionamento e a técnica. Tamén lle deron á empresa privada as escolas deportivas, que se sumou á da natación escolar. O futuro do club pasa por un momento delicado, pero ao igual que as anteriores, hai unha directiva que traballa moitísimo e adestradores moi cualificados. Dependerá deles e da responsabilidade da directiva.

-¿Participará nalgún proxecto deportivo no futuro?

-Foi unha semana complicada de asimilar, na que teño que agradecer todo o apoio nas redes sociais. Tiven ofertas dalgún club estatal e vou estar aberto á xente que necesite asesoramento, pero a distancia. Tamén hai un proxecto serio que pronto verá a luz.

-¿Que significa o Club Natación Ribeira para vostede?

-O Club Natación Ribeira foi toda a miña vida. O compromiso dos nadadores e das familias foi o mellor que me puido ter pasado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Juan Carlos Brión: «Estou convencido de que o deporte forxa unha sociedade mellor»