Nove Noel: As mans que visten de cores o feo cemento

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Ten decorado cos seus debuxos grandes muros en Barbanza, Santiago, Vigo, Barcelona e mesmo México

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa hai tempo que a cultura asaltou ás rúas. Fíxoo desde diversos eidos, sendo un dos máis rechamantes os grandes murais ilustrados que chegaron para combater a fealdade de muros e paredes grises. A moda comezou nas grandes cidades, pero tamén chegou a Barbanza. E desta comarca é un dos artífices dos enormes debuxos que engalanan as rúas de Galicia. Trátase do rianxeiro Nove Noel, que mesmo pode presumir de ter deixado xa a súa pegada de cor máis alá das fronteiras de España.

Foi con Raúl Gil Burés, o pintor de Taragoña, con quen Nove Noel descubriu os segredos do debuxo e da pintura, eidos que chamaron a súa atención desde que era cativo. Pero o rianxeiro non tardou en dar o salto á arte da rúa a través do grafite, experimentando no seu entorno máis próximo: «Con 14 ou 15 anos pintei uns piares na ponte da praia da Torre». E así seguiu, practicando e desenvolvendo un estilo propio ata que recibiu a primeira encarga: «Unha parella de Santiago contratoume para decorar un muro da piscina da súa vivenda cunha paisaxe».

Intensa traxectoria

Abríuselle así ao rianxeiro un camiño laboral que foi compaxinando cos estudos, primeiro na escola Pablo Picasso da Coruña e despois na Facultade de Comunicación Audiovisual da USC. Mesmo probou sorte, con bastante acerto, en varios certames, resultando premiado no Concurso de Ilustración Sociedad Valle del Oro (2010), e en dúas edicións do GZ Crea, as dos anos 2012 e 2017. E, pouco a pouco, as encargas foron a máis: «Teño a fortuna de poder vivir disto, pero é un camiño duro e inestable, xa que cando rematas un proxecto xa tes que ter pechado o seguinte. Aprendes a vivir así porque fas o que che gusta».

Vigo, onde lle deu forma a un mural vinculado co sector naval; Moncada (Barcelona), onde realizou unha intervención nos piares dunha autopista; Ribeira, onde confeccionou unha ilustración dorneira; Carballo; Rianxo e incluso a cidade de México son algúns dos puntos xeográficos que Nove Noel contribuíu a mellorar esteticamente. El destaca que as súas obras perseguen moito máis ca ese cambio de imaxe: «O mural é unha ferramenta moi potente de comunicación, transforma lugares deteriorados, pero tamén busca expresar ideas e sentimentos».

Por iso, garda un recordo moi especial da ilustración que hai pouco realizou no seu pobo de Rianxo, nunha das paredes do auditorio municipal: «Houbo un proceso previo que me levou a ir cos mariñeiros e seguir de preto o seu proceso de traballo». Tamén destaca o mural que no pasado mes de maio fixo na central de abastos de México: «Foi como poñer orde nun lugar caótico. Iso é o que me gusta, chegar a un lugar novo e armar unha historia».

Proxectos en marcha

En breve, o rianxeiro desembarcará na cidade coruñesa coa súa paleta de cores, na que predominan o amarelo, o rosa e os azuis; e coa súa técnica, caracterizada polas liñas claras de depuradas. A súa misión será decorar o viaduto da avenida de Oza cun mural sobre a pobreza. Tamén vai participar na feira Culturgal de Pontevedra, onde presentará unha pequena exposición sobre o período que pasou en México e levará material da outra vertente artística que practica: a ilustración.

Entre os retos que se marca a día de hoxe, Nove Noel figura o de levar a linguaxe da rúa ás galerías e ás salas de exposicións amosando unha colección de ilustracións e pinturas. Xa ten experiencia na materia, pois asina os debuxos que completan 5 minutos, o libro infantil que vén de publicar María Lado. É este un eido no que lle gustaría mergullarse no futuro, en parte por afección e porque é consciente de que ao muralismo segue sen concedérselle o valor que ten: «Aínda se vincula co vandalismo e coas pintadas, non se aprecia a vertente narrativa dos murais, pois contan historias».

Novel Noel quixera ter liberdade absoluta para crear os seus propios relatos e, se lle deran a oportunidade, incluso elixiría as paredes nas que os plasmaría: «Gustaríame decorar calquera museo ou fundación vinculada co mundo da arte, coma o CGAC de Santiago, ou uns edificios que hai en Romero Donallo. En Barbanza, o meu soño é pintar un barco enteiro».

Formación. Nove Noel formouse como técnico superior de Ilustración na escola Pablo Picasso da Coruña e despois concluíu Comunicación Audiovisual en Santiago.

En Internet. O rianxeiro compila e amosa tódolos seus traballos no espazo de Internet www.novenoel.com.