Miguel Ángel Iglesias: «O bou, o xeito e o marisqueo temos que defendelos a morte»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O dirixente rianxeiro defende a conveniencia de diversificar para garantir os ingresos do sector todo o ano

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Ángel Iglesias acaba de iniciar o seu segundo mandato á fronte da confraría de Rianxo e aproveita os primeiros compases desta nova andaina para facer repaso dos últimos catro anos e para mirar cara un futuro que ten claro que para o pósito rianxeiro pasa por tres piares fundamentais.

-Comecemos facendo balance dos últimos catro anos.

-Eu creo que, sobre todo os dous primeiros anos, foron moi frutíferos tanto con respecto ao marisqueo como á xestión do bou de vara, que comezamos a facer de forma distinta, e polo feito de contar cunha comercial. Fixéronse cousas boas que temos que retomar porque algunhas quedaron un pouco de lado no último ano e nótase, como a comercializadora. Agora non a temos e hai que recuperar esa forma de traballar porque era máis rendible para os mariñeiros, vemos que as ventas baixaron.

-¿Como andan de saúde as súas concesións marisqueiras?

-Bastante ben. É certo que o ano pasado non foi moi bo, pero non estivo mal en canto a facturación. A media foi de 107 euros por persoa e día de traballo e está bastante ben para ser un ano malo. Imos seguir investindo en labores de rexeneración e imos intentar facer máis limpezas, porque cada vez temos máis algas e máis limo e son necesarias.

-Mentres tanto, teñen ás portas unha nova campaña do bou de vara, ¿participará moita xente?

-É difícil sabelo, porque depende dos armadores. Se están indo co raño e lles vai ben non cambian, e se o marisqueo vai mal irán ao bou. É a vantaxe de diversificar a actividade, que tes alternativas. Por exemplo, o mes de outubro no libre marisqueo é un desastre porque ninguén ten a onde ir traballar e acaban todos nos Lombos. Iso provoca que o recurso quede moi limitado e supón un problema para quen non vai a outras artes e só ten a opción do rastro. Por iso é conveniente diversificar.

-Outro ámbito de actividade fundamental para Rianxo é o xeito, que vive tempos convulsos.

-O bou, o xeito e o marisqueo temos que defendelos a morte porque dependemos deles.

-¿Hai futuro para o xeito?

-Penso que hai futuro, pero se non o vemos é por como nos están regulando, xa sexa desde Galicia ou desde Bruxelas. O xeito é unha pesca artesanal sostible, e o que non pode ser é que Europa defenda as vantaxes deste tipo de artes, pero logo non o aplique na práctica. Esas políticas de defensa da pesca tradicional non chegan a onde teñen que chegar. Para empezar, artes coma o xeito teñen que estar fóra de cotas e taxas e é necesario que se regulen as augas interiores e, se é que temos competencias nelas, nos deixen xestionalas.